Esquerda Unida secunda a folga educativa de docentes, alumnado e familias convocada para este xoves 9 de marzo

Esquerda Unida expresou hoxe o seu apoio á convocatoria de folga xeral educativa de profesorado, alumnado e familias do vindeiro 9 de marzo pola derrogación da LOMCE e as reformas universitarias, a reversión dos recortes, o dereito efectivo á educación e a dignificación das condicións de traballo. Doutra banda, felicítase pola unidade de acción acadada no noso país polas distintas forzas sindicais, de estudantes e de nais e pais nesta convocatoria.

“A vixencia da LOMCE, lei profundamente retrógrada elaborada e aprobada de costas á comunidade escolar, das reválidas (adiadas pero non derrogadas) que motivaron accións de desobediencia civil nunca vistas por parte das familias e do decreto 3 + 2, que amplía o campo do negocio privado na educación universitaria a costa de imposibilitar economicamente a amplos sectores de estudantado culminar os seus estudos, xustifican plenamente esta xornada de folga xeral educativa, que incide tamén nos brutais recortes dos últimos anos e o empeoramento das condicións laborais do profesorado”, explica o coordinador da área de Educación, Roi Rodríguez Cagiao.

“Os recortes que veñen aplicando os gobernos estatais e autonómicos dende o comezo da crise non teñen precedentes no período democrático, caendo o investimento en educación non universitaria un 0,9% dende o comezo da crise (do 5% ao 4,1 cando a media europea é do 6,2). Na universidade pública o recortado entre 2010 e 2014 ascende a 1.213 millóns de euros”, apunta.

 

Un empeoramento das condicións de traballo do profesorado

“En relación co recorte do investimento ao longo dos últimos anos, produciuse un empeoramento considerable das condicións de traballo de profesorado, comezando pola destrución de emprego no sector público (1.200 docentes menos, segundo os datos da propia Xunta), o aumento da temporalidade (crecemento exponencial da porcentaxe de interinos e substitutos ao non sacar prazas dabondo que compensen as xubilacións) aumento das horas lectivas, aumento das ratios e recorte do salario. Ao mesmo tempo, a estratexia da dereita que nosmalgoberna é a de afortalar con diñeiro público os intereses da privada, incrementando aulas concertadas, ano tras ano, e regalando das arcas públicas en Galicia case 18 millóns de euros máis con respecto ao exercicio 2016 para concertar as diferentes etapas educativas”, sinala Roi Rodríguez.

Para Esquerda Unida, este conxunto de motivos fan necesaria e xusta a xornada de folga xeral do vindeiro 9 de marzo, polo que animamos ao conxunto da comunidade escolar e ao conxunto da cidadanía galega a participar nas manifestación e mobilizacións previstas. Este 9 de marzo, máis que nunca, todas e todos temos que saír ás rúas para esixir a derrogación da LOMCE, das reválidas,  do decreto 3+2, pola reversión dos recortes e contra o deterioro das condicións do traballo do profesorado.

Relacionados