Esquerda Unida apoia a folga indefinida do persoal do 112 e 061, convocada para o 15 de abril

Esquerda Unida apoia a folga do persoal do 112 e 061, convocada para o vindeiro sábado 15 de abril, e motivada polo traslado forzoso do persoal á Estrada, a uns 30 quilómetros de Santiago de Compostela, sen negociar coas persoas afectadas as súas novas condicións e sen contemplar ningún tipo de compensación por este desprazamento.

Segundo explica Eva Solla, membro da dirección de Esquerda Unida e deputada de En Marea, “a Xunta de Galicia non mantén, dende fai meses, ningún tipo de comunicación coas traballadoras e traballadores, negándose a negociar cuestións básicas relativas ao seu traballo e á subida de salarios que o persoal reclama. Ademais, a este conflito laboral súmase o empeoramento das condicións nas que estase a prestar atención ás persoas usuarias das emerxencias do noso país. Con este traslado da sede ata a Estrada, incrementarase os tempos de resposta ante unha emerxencia eventual que precise de máis de persoal”.

“Non podemos comprender esta nefasta decisión que trae consigo o malgasto do diñeiro público que foi investido para crear unha nova sede, cando xa temos outra que funciona e, en segundo lugar, entendemos que este centro vai carecer das comunicacións propias que ten o de  Santiago, o que vai afectar directamente á atención das emerxencias en Galicia”, concreta a deputada.

Por todos estes motivos, dende Esquerda Unida, apoiamos ao persoal do 112 e 061 e a súa folga indefinida motivada por esta deslocalización, o que leva consigo máis custos derivados dos desprazamentos para as traballadoras e traballadores, unha perda de poder adquisitivo -ademais do aumento do custe da vida e de manterse os nosos salarios conxelados desde hai 6 anos- que se suma ao estres que están a padecer por esta nefasta decisión.

Relacionados