Esquerda Unida apoia as mobilizacións “Concellos, cumpride a lei” do 06.09.26

Esquerda Unida manifesta o seu apoio á mobilización cidadá convocada para este domingo 6 de setembro en máis de 35 cidades de todo o Estado (en Galicia: Compostela e Vigo), na que colectivos de protección animal, xestoras de colonias felinas e persoas voluntarias reclamarán aos concellos de todo o Estado o cumprimento efectivo da Lei 7/2023, de protección dos dereitos e o benestar dos animais.

A organización lembra que esta norma, aprobada en 2023, establece obrigas concretas para as administracións locais en materia de xestión das colonias felinas: o censo e a identificación dos animais, a súa atención veterinaria —incluíndo os gastos derivados da esterilización, vacinas, desparasitación e a atención en caso de enfermidade—, a aplicación do método CER (Captura, Esterilización e Retorno) e a adopción de protocolos éticos que garantan unha convivencia axeitada entre a cidadanía e as colonias mentras estas existan. Trátase de competencias que corresponden por lei aos concellos e que, segundo denuncian as entidades convocantes, na súa gran maioría non se están a cumprir ou se cumpren de forma claramente insuficiente.

O Secretario de Organización de Esquerda Unida, Juanjo Rodríguez, subliñou que “nun Estado de dereito as leis están para se cumprir, e esta é unha lei de obrigado cumprimento, aprobada polas Cortes Xerais, que impón obrigas claras ás administracións locais. A lei xa existe, pedimos que se aplique o que xa está aprobado e que cada concello adapte os seus recursos, a súa praxe e as súas ordenanzas municipais a unha lei de maior rango”.

Indica que “É preciso que as persoas con responsabilidades de goberno deixen de pensar como se estivéramos nos anos 90, que cumpran de unha vez a lei que xa viña reclamando a sociedade civil e que temos dende o 2023”.

Rodríguez destacou ademais que “Esquerda Unida é un movemento político e social que a través da súa xente participa activamente na vida dos nosos pobos e cidades en moitas frontes, e entre a nosa militancia e simpatizantes hai tamén moitas persoas que ante a inacción permanente dos concellos, dedican o seu tempo e os seus propios recursos a atender colonias felinas que están baixo responsabilidade municipal”.

Esquerda Unida lembra que a Lei 7/2023 foi promovida pola coalición Unidas Podemos, da que a organización formou parte —unha lei que finalmente apoiamos, a pesar das incomprensibles emendas do PSOE excluíndo ós animais de caza—, e que hoxe é o marco xurídico necesario para esixir aos concellos que asuman esta responsabilidade. A falta de vontade política, a falta de planificación e a falta de recursos —ou a suma das tres— explican que, na maioría dos concellos, esta obriga legal siga sen se cumprir ou se cumpra de forma claramente insuficiente.

Neste sentido, Juanjo Rodríguez indica que “a Administración central dotou as administracións locais da posibilidade de acceder a recursos destinados precisamente a este fin, polo que o principal obstáculo para o cumprimento da lei non é, na maioría dos casos, a falta de medios económicos, senón a falta de vontade política de moitos gobernos municipais para poñelos en marcha e actuar como a lei ordea”.

Esquerda Unida quere expresar o seu recoñecemento e agradecemento a todas as persoas que, de forma desinteresada e moitas veces en solitario, veñen suplindo desde hai anos esa responsabilidade que corresponde aos concellos, sostendo o coidado das colonias felinas e mellorando os seus barrios e vilas.

Insistimos en que esta mobilización non responde a cores políticas nin a intereses partidistas, senón que é unha causa de mobilización civil, e por iso anima a se sumaren todas as persoas, con independencia da súa adscrición política, que compartan a defensa do benestar animal e do cumprimento da lei vixente en todos e cada un dos concellos do Estado, goberne quen goberne.

Accede á web dos convocantes en https://losgatostienenley.org/

Relacionados