Esquerda Unida apoia todas as accións das ANPAS encamiñadas a conseguir a eliminación das reválidas

Esquerda Unida valora como “moi valente e responsable” a campaña de mobilización promovida polas distintas federacións de ANPAS de Galicia coa intención de paralizar as reválidas de 3º e 6º de Primaria programadas para a Consellería para o presente curso.

A formación de esquerdas esixiu, en palabras de Roi Rodríguez, coordinador da área de Educación de Esquerda Unida “a inmediata suspensión de ditas probas por ser antipedagóxicas, completamente inútiles e por supoñer unha fonte de estrés para o alumnado, alén de desprezar o traballo avaliativo dos mestres e non estar adaptadas aos temarios nin ás realidades particulares de cada centro, aula, grupo e persoa”.

“A aposta da Xunta de poñer en marcha as reválidas, pese a que algunhas Comunidades Autónomas xa anunciaron a súa insubmisión, supón usar aos rapaces e rapazas como cobaias políticas para que Feijoo faga méritos en Madrid”, enfatizaba o coordinador.

Esquerda Unida considera que non enviar ao alumnado á escola os días das probas é perfectamente lexítimo, e aclara que único xeito de poder negarse a facer as probas, xa que de ir están obrigados a facelas e os mestres están obrigados a colaborar.

“As faltas non teñen consecuencias de ningún tipo para o rapaz ou rapaza, pois eses días dedícanse integramente a facer a morea de exames precociñados que a Xunta confecciona; non se avanza nas materias nin se fan outro tipo de actividades”, aclaraba Roi Rodríguez.

 

Campaña de mobilización

Coa finalidade de participar e potenciar a mobilización pola supresión das reválidas, EU inicia esta semana unha campaña de distribución de materias impresos e a través das redes sociais informando sobre o carácter retrógrado e nocivo que das reválidas. A área de Educación de Esquerda Unida promoverá, ademais, encontros e actos ao longo da xeografía galega  a nivel comarcal e local, colaborando coas distintas  asociacións e forzas sindicais vencelladas ao eido educativo para informar á cidadanía sobre o que supoñen as reválidas da LOMCE e promover a mobilización contra as mesmas.

Relacionados