O 10 de decembro debe executarse a sentenza pola que os herdeiros do ditador deben devolver o Pazo de Meirás, ante esta sentenza o intento de espolio por parte da familia Franco pretende continuar coa retirada do patrimonio público que se atopa no interior do Pazo.
A tarde do luns o Xulgado nº1 de Primeira Instancia da Coruña ditou a orde de inventariar os bens existentes no interior do Pazo de Meirás prohibindo a súa retirada agás autorización do propio Xulgado. Igualmente a Avogacía do Estado vén de demandar medidas cautelares para evitar un novo espolio de patrimonio público.
Esquerda Unida súmase a esas demandas, entendendo que a familia Franco non ten potestade para mobilizar obras de arte e demais patrimonio que en moitos casos se atopa protexido e mesmo demandada a súa titularidade polas administracións públicas. Este é o caso das esculturas do Mestre Mateo, Abraham e Isaac, declaradas Ben de Interese Cultural, que o ditador sustraeu da catedral de Santiago de Compostela.
Esquerda Unida entende que a necesidade de camiñar cara un país verdadeiramente democrático pasa por rachar coa impunidade da que aínda gozan os franquistas e a familia Franco, polo que cómpre que dunha vez por todas a descendencia do ditador teña que devolver a totalidade dos bens espoliados durante décadas no conxunto do Estado, que no caso de Galicia afecta tamén ao pazo da Casa Cornide da Coruña.