Esquerda Unida chama a participación na concentración do 7-J en apoio a Laura Bugalho, nos xulgados de Compostela

Esquerda Unida, dende a área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual (ALEAS-EU), chama á participación na concentración convocada a petición da defensa da activista LGTBI e sindicalista da CIG Laura Bugalho, e secundada  por diversas organizacións, colectivos e movementos sociais, que terá lugar o mesmo día do xuízo, o vindeiro 7 de xuño ás 9 da mañá,  en Compostela, diante dos Xulgados de Fontiñas.

Laura Bugalho é unha coñecida activista do movemento trans galego, feminista e defensora dos dereitos humanos, ademais de adicarse profesionalmente ás persoas migrantes que acudían ao Departamento de Migración do sindicato CiG (Confederación Intersindical Galego). O seu activismo en Liberdades Sexuais foi recoñecido no 2011 co premio Nicolás Salmerón.

Foi concretamente por esta longa traxectoria na defensa dos dereitos humanos pola que a Fiscalía pide ata 8 anos de cadea por un presunto delito de falsidade documental e tráfico de persoas. Dende Esquerda Unida reclamamos a liberdade sen cargos para Laura Bugalho, xa que defender ás persoas migrantes non é precisamente un delito, senón toda unha folla de ruta a seguir. Moitas Lauras precisa este país.

Relacionados