Construír sociedades antipatriarcais e anticapitalistas, que se recoñecen na protección e facilitación do libre desenvolvemento das persoas require, como condición necesaria, o traballo activo polos dereitos e o recoñecemento das disidencias sexuais. A miúdo, a discriminación por razón de orientación sexual e expresión ou identidade de xénero condiciona a vida das persoas LGTBIQA+, o seu acceso ao emprego, á sanidade, a fogares seguros e a vidas plenas dende a infancia ata a madurez.
O odio e os prexuízos contra a diversidade condicionan as posibilidades dunha vida digna e das condicións materiais no conxunto do colectivo. Segundo os datos da Confederación Estatal de Saúde Mental, as persoas LGTBIQA+ reportan máis do dobre de autolesións, intentos e ideacións de suicidio que a poboación xeral. Igualmente, un estudo da FELGTBI+ sinala que un 58% das persoas trans sufriron acoso durante a súa etapa escolar, que un 80% de persoas trans non consegue acceder a empregos regrados e que un 35% de persoas LGTBIQA+ aínda sofre acoso nos seus centros de traballo.
Recentemente, unha enquisa realizada en Galicia no ámbito da educación secundaria apuntaba que o 81% do alumnado LGTBIQA+ sufriu algún tipo de agresión no seu centro.
Esquerda Unida sinala que os avances normativos en en dereitos conseguidos polo colectivo nos últimos anos deben acompañarse de traballo real e recursos por parte das institucións para poñelos en marcha. Consideramos que a consolidación de protección e igualdade de dereitos para as persoas LGTBIQA+ debe realizarse como valor fundamental e tamén contra o avance da extrema dereita. Sabemos que a consecución de dereitos non é inamovible e por iso reclamamos seguir avanzando nos marcos lexislativos sen esquecer a necesidade de loita na sociedade e nas rúas.
Ademais, non podemos perder de vista o crecente empobrecemento de grande parte das persoas LGTBIQA+. A discriminación sufrida polo colectivo únese en moitos casos á crecente inflación, que se sitúa nun 4% en Galicia, aos problemas de acceso á vivenda e ao conxunto de dificultades que atravesa a clase obreira no conxunto do país. Unha realidade que reflicten tamén os datos dunha enquisa de 2024 que apunta que os fogares LGTBIQA+ teñen ata un 20% menos de recursos que a media xeral, sendo as persoas trans e asexuais as máis afectadas.
Este 28 de xuño, Esquerda Unida chama a mobilizarse ao conxunto de Galicia xunto ao colectivo LGTBIQA+ nunha xornada que debe ser de visibilidade e de loita. Con orgullo de clase, libres e en paz.