Esquerda Unida considera que o “terrorismo incendiario” de Feijóo é non ter unha política de prevención efectiva de lumes

A Xunta de Galicia en ningún momento dispuxo dun Plan contra o Lume efectivo, tal e como vimos demandando durante este verán dende Esquerda Unida, quen de ofrecer unha resposta axeitada a lumes de gran envergadura como os que están a asolar Galicia. “De ser así, o Sr. Feijóo non tomaría a decisión de suprimir os equipos forestais, que contaron con 436 brigadistas menos estes días, non desmantelaría os servizos de incendios a prol do beneficio económico de empresas que se lucran co lume e non levaría a cabo unha política forestal devastadora; todo un conxunto de decisións dunha irresponsabilidade suprema que levaron ao noso país a arder polos catro costados”, apunta Eva Solla.

Para a coordinadora nacional de Esquerda Unida, a falta dunha política de prevención efectiva no dispositivo de incendios, a improvisación, a ausencia de medios materiais suficientes e a precarización dos servizos están a provocar que nestes días Galicia semellara o inferno. Mentres isto está a ocorrer, Feijóo bota balóns fóra, concretamente a Portugal e tamén ao que el chama “o terrorismo incendiario”, cando non hai máis “terrorismo incendiario” que non ter políticas activas en materia de extinción de incendios.

“Feijóo tampouco fala do abandono ao que o PP somete ao rural, a súa teima en desmantelar o servizo público para converter o modelo galego de prevención e extinción de incendios nun negocio privado ou da súa inexistente política preventiva a medio e longo prazo para ter uns montes debidamente coidados que limiten o impacto dos lumes”, sinala a coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Dende Esquerda Unida manifestamos todo o noso apoio ás familias e amizades das vítimas dos incendios, así como o agradecemento á cidadanía galega que non dubidou en participar activamente, xogándose a vida, nas tarefas de extinción dos incendios. Ademais, consideramos necesario abrir un debate serio, implicando a todos os axentes de cara a atopar solucións ante unha situación evitable que non se pode tolerar, así como pular por medidas serias e políticas activas en materia de extinción de incendios, protección e conservación do monte galego como parte fundamental do noso territorio.

Por último, dende Esquerda Unida chamamos á participación das concentracións que terán lugar este luns ás 20h. por todo a xeografía galega para esixir responsabilidades ante esta vaga de lumes.

Relacionados