Esquerda Unida critica as políticas de emprego do PP, que levan a Galicia en senda descendente

Segundo os datos desprendidos está mañá do Ministerio de Emprego, o paro sobe en 6.355 persoas en outubro en Galicia, case un 3% máis de persoas desempregadas, fronte ao 2% de media no Estado, até situarse o total de 222.092 parados e paradas na nosa comunidade. Para Yolanda Díaz, “estes datos mostran un reflexo claro do fracaso das políticas de emprego do Partido Popular, nas que os contratos temporais e precarios fan que atopar un traballo digno sexa cada vez máis complicado e nos levan en senda descendente”.

“A onde nos quere levar o Partido Popular?” pregúntase Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida, que denuncia que, “os datos aparecidos esta mañá afogano triunfalismo do PP e indican que a desigualdade social e económica e a pobreza segue a incrementarse, xa que seguimos a perpetuar un modelo de emprego temporal, baseado en contratos precarios e alimentado por épocas moi concretas (como a temporada estival ou do Nadal)”.

Estes datos son especialmente crueis en termos de xénero e de idade (tanto para maiores de 50 anos ou mozos e mozas de 30). De acordo cos datos feitos públicos polo Ministerio de Emprego, as mulleres concentran o maior número de desemprego en Galicia, un total de 121.277 fronte a 100.815 no caso dos homes.

Segundo expresa Díaz, “a precariedade cébase coas mulleres traballadoras, xa que moitas sofren sobreexplotación e, grazas ás políticas neoliberais do PP, cada vez están máis desprotexidas ante os abusos empresariais, o que dificulta acadar a igualdade laboral”, remata a deputada.

Relacionados