Esquerda Unida celebra en Mugardos, polo 25 de Xullo, unha homenaxe ao alcalde republicano Juan Prieto Balsa, fusilado polos golpistas na noite do 24 de xullo de 1936 á beira do río Ombre, na localidade de Pontedeume.
Pilar Díaz, alcaldesa de Mugardos, foi a encargada de presentar o acto, mencionando a importancia de dedicar este día a todas as vítimas do franquismo, en especial a Prieto Balsa. A alcaldesa agradeceu a Esquerda Unida que tivera “como primeira e única opción a idea de celebrar aquí un acto que reivindica a importancia de ser unha nación con Memoria e, neste caso, dedicar o día á memoria de Prieto Balsa, nomeado alcalde o 14 de marzo de 1936 e fusilado o 24 de xullo de 1936 no levantamento militar”.
Na súa intervención, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, sinalou que “precisamos a Memoria para ter futuro como pobo e que cómpre coñecer e reivindicar a nosa memoria para loitar por un futuro republicano, xa que non podemos construír nada sen coñecer o noso pasado”. Nunha data coma o 25 de xullo é moi importante “homenaxear as verdadeiras persoas demócratas, ás que construíron a República” e, facendo actos como o de hoxe en Mugardos evitamos que “nos rouben a Memoria” eses que se autoproclaman demócratas, mais que foron adeptos do franquismo.
Pola súa banda, Xabier Ron, membro da executiva de Esquerda Unida, leu o manifesto co titulo: “25 de Xullo, Unha Nación con Memoria” que incide na importancia de manter viva a Memoria de Galicia, relacionándoa co día en que se defende a lingua, a cultura e os valores da nosa terra”.
Con este manifesto, Esquerda Unida incide en que a democracia non nace no 77, senón que houbo un proceso democrático anterior, o da Segunda República, arrasado polo golpe de Estado de Franco e a posterior longa noite de pedra da ditadura. Por iso, Esquerda Unida quere facer pedagoxía para que o futuro se constrúa dende outro enfoque e imaxinario, non dende un sistema monárquico imposto por Franco.
Despois deste acto, celebramos un xantar de confraternidade coa militancia para compartir un día de festa, Memoria e reivindicación da nosa Historia.