Esquerda Unida denuncia a chantaxe da Comisión Europea, que suporía un recorte duns 10 mil millóns de euros para a clase traballadora

A continuidade de Feijoó suporía a aplicación dos recortes en Galicia, unha acentuación da perda sistemática de dereitos e un novo ataque á maioría social, por iso, o deputado de AGE e membro da dirección de EU, Xabier Ron, sinala que “non podemos permitir que a dereita siga a gobernar en Galicia”. “O noso país coñeceu a perda de 75.000 habitantes desde o 2008. Dáse un continuo gotexo migratorio de 70 mozos e mozas que saen cada día de Galicia. O precariado define a estrutura laboral e salarial: en Galicia, un 30% das clases asalariadas cobra menos de 700 euros e non deixan de aumentar as familias que teñen problemas para chegar a fin de mes, mentres que un privilexiado grupo de 7.388 persoas posúe unha riqueza superior aos 30.000 millóns de euros, o 55% do PIB de Galicia”, explica o deputado.

“Galicia, segundo a última actualización ofrecida polo IGE (Instituto Galego de Estatística), coñece un progresivo empobrecemento que se está a cronificar: o 58,31% dos fogares unipersoais (129.752 fogares) chega con dificultade ou moita dificultade a fin de mes; mentres que os fogares con máis membros que chega con dificultade ou moita dificultade a fin de mes representa o 57,86%, un total de 613.952 fogares galegos. Con estes incuestionables datos resulta contrastado que calquera recorte adicional que se proxecte levar a cabo no 2017 tería graves consecuencias para a maioría social: e non o podemos permitir”, conclúe.

Para Esquerda Unida, un goberno do PP asumiría de forma entusiasta o programa de recortes demandado pola Comisión Europea e Rajoy, que se sumaría aos xa padecidos ao longo destes anos de desgoberno e que supoñen a mutilación de dereitos e a privatización de servizos públicos en prexuízo das clases traballadoras.

Relacionados