A Xunta vulnera os dereitos recoñecidos legalmente do alumnado migrante ao excluílo das axudas de libros de texto

A área de Educación de Esquerda Unida  denuncia a exclusión, por parte da Consellería de Educación, ao alumnado migrante en Galicia á hora de acceder ás axudas on-line de libros de texto. Esta situación é moi grave ao constituír unha vulneración dos dereitos legais dun colectivo de especial vulnerabilidade, como é o da poboación migrante.

O problema vén que á hora de acceder á aplicación do fondo de libros da Consellería de Educación, única vía para conseguir esta axuda de libros de texto, a ferramenta esixe introducir DNI ou NIE, sen permitir introducir o pasaporte. Ao obrigar a facer este paso, a Xunta semella descoñecer que existen persoas migrantes que non posúen NIE e que, ao non poder cubrir este apartado, resúltalles imposible acceder a estas axudas.

É por isto que Esquerda Unida denuncia que o departamento dirixido por Román Rodríguez está a vulnerar a lei vixente. Na disposición adicional décimo novena da Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, reguladora do dereito á educación pode lerse: “O establecido nesta lei en relación coa escolarización, obtención de títulos e acceso ao sistema xeral de bolsas e axudas ao estudo será aplicable ao alumnado estranxeiro nos termos establecidos na Lei orgánica 4/2000,  de 11 de xaneiro,  sobre dereitos e liberdades dos Estranxeiros en España e a súa integración social, modificada pola Lei Orgánica 8/2000, de 22 de decembro, e na normativa que a desenvolve”.

Doutra  banda, o artigo 9 da lei Orgánica 2/2009,  de 11 de decembro, de reforma de la Lei Orgánica 4/2000, de 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social establece que a poboación estranxeira menor de dezaseis anos ten o dereito e o deber á educación, o que inclúe o acceso a unha ensinanza básica, gratuíta e obrigatoria. Engade que “este dereito inclúe a obtención da titulación académica correspondente e o acceso ao sistema de becas e axudas nas mesmas condicións cos españois”.

É por isto que dende Esquerda Unida facemos un chamamento á rectificación urxente por parte Consellería de Educación para que inclúa a posibilidade de acceder ás axudas tamén a través do número do pasaporte ou ben, nos casos que existen onde non o haxa —e non por vontade propia das persoas migrantes—, que se determine un protocolo supletorio desde o departamento de políticas sociais dos concellos de residencia, en cooperación coa Xunta, que permita un acceso, agora inexistente,  ás axudas de libros de textos.

Relacionados