Esquerda Unida denuncia o patrocinio do Concello de Lugo ao Caudal Fest, do que é propietario o fondo de investimento sionista (KKR)
Esquerda Unida denuncia o financiamento do Concello de Lugo no Caudal Fest, por parte do fondo de investimento sionista KKR, que participa na promoción inmobiliaria dos territorios ocupados ilegalmente en Palestina por Israel.
A secretaria de organización de Esquerda Unida en Lugo, Chus Rodríguez “esixe ao Concello de Lugo que rache as súas relacións co fondo de investimento proisraelí, KKR, e deixe de patrocinar con centos de miles de euros de cartos públicos ao macrofestival Caudal Fest”.
Segundo Rodríguez sinala: “O 2018 o Concello de Lugo, nunha aposta insólita unilateral da súa, entón alcaldesa, Lara Méndez, decide organizar a “cultura”pola súa parte e financia con máis de 200.000€ a primeira edición do Caudal Fest, un festival que se celebra na contorna do Río Miño, co presunto visto bo da Confederación Hidrográfica, que anos antes non permitira celebrar alí outros festivais locais que se interesaron por ese espazo, aducindo razóns de contaminación acústica e ambiental”.
Desde o ano 2019, segundo a propia web do Concello, a área de Desenvolvemento Local do Concello de Lugo asina un contrato de partrocinio publicitario, recurrindo a un negociado sen publicidade, porque a empresa Old Navy Port Producciones ten a marca rexistrada do Caudal, para consolidar ou superar o retorno mediático e económico do anterior ano, “cifrado en 3 millóns de euros, que non saben en quen retornaron, ademais de hostalería e supermercados, quizais, e moreas de lixo na contorna do Miño”.
Este informe baséase no estudo sobre a rendabilidade do plan de medios do Caudal que elabora unha consultora externa (informe que lle custa ao Concello 8.000€).
O contrato de patrocinio (que temos publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público) para a celebración do Caudal Fest do 2024 foi de 180.000€.
Rodríguez denuncia que “O Caudal Fest non é o único, Son do Camiño, Resurrection Fest, Ouren Sound Fest, Son Rías Baixas, Sónar, FIB, Viña Rock e un longo etcétera, convertíronse en produtos atractivos para os fondos de investimento que, o mesmo que mercan edificios nas cidades para construír vivendas turísticas, encarecendo o prezo do aluguer e da compra de pisos para a veciñanza, ou invisten en clínicas sanitarias, parques de atraccións (por exemplo, PortAventura), ou calquera tipo de “experiencias”.
“Desde Esquerda Unida queremos ofrecer luz sobre o entramado que está detrás do Fondo KKR proisraelí, propietario do Caudal Fest, porque as lucenses amantes da música e da cultura son un público con espíritu crítico e teñen dereito a saber onde van os nosos cartos e quen está detrás do festival ao que, algúns, pensan ir este próximo setembro”, segundo manifesta Rodríguez.
Chus Rodríguez remarca que “Sen entrar xa en que con 180.000€ poderíase organizar un festival con promotoras locais, totalmente participado pola propia veciñanza, traendo bandas e espectáculos de primeiro nivel, desde Esquerda Unida vemos que nun goberno que, no que o BNG, que ostenta a tenencia de alcaldía ou mesmo a área de Cultura, se di anticapitalista e propalestino, resulta intolerable que financie un evento dun fondo de inversión que, entre outros negocios, fai cartos co xenocidio en Gaza, promovendo inmobles manchados de sangue de crianzas palestinas”. Polo tanto, manifesta Rodríguez, “Esquerda Unida esixe transparencia ao Concello de Lugo e que explicite que relación mantén co fondo proisraelí KKR e que rache, dunha vez e para sempre, as relacións co dito fondo e deixe de investir con centos de miles de euros eventos participados por estas macroempresas devoradoras”.