Esquerda Unida di “NON á Caza”

Este domingo 1 de febreiro, en A Coruña, Compostela, Vigo, en máis de 40 cidades do estado e tamén no exterior, miles de persoas sairán un ano mais ás rúas para dicir alto e claro: NON á Caza.

A convocatoria parte da Plataforma NAC (No a la Caza) que loita contra a caza en todas as súas modalidades e que ten como obxectivo inmediato a súa erradicación, comezando pola caza con galgos e outras razas sometidas a maltrato sistemático.

Dende Esquerda Unida apoiamos con total contundencia estas mobilizacións e adherímonos á Plataforma NAC porque:

  • Rexeitamos as actividades de quen gozan matando animais e perpetúan valores baseados na violencia, na dominación e na crueldade.
  • Defendemos a protección da biodiversidade e un modelo de relación coa natureza baseado no coidado, non na violencia. A caza nunca é nin será unha solución válida: non protexe os ecosistemas nin respecta a vida.
  • Non calaremos mentres continúe un só disparo nos montes e bosques nin mentres un só animal sexa perseguido, ferido ou morto por diversión.
  • Esiximos de maneira inmediata a modificación da Lei de Protección animal no relativo á exclusións dos cans de caza, froito da vergoñenta emenda impulsada polo PSOE como servilismo ós lobbys cinexéticos, da mesma forma que o fixo recentemente co Lobby Taurino ante a ILP #NoEsMiCultura.

A caza non é unha actividade necesaria nin sostible: provoca sufrimento animal, pon en risco a seguridade das persoas e degrada os ecosistemas. É tempo de avanzar cara políticas públicas que protexan a vida e os dereitos dos animais, aposten pola conservación e fomenten unha convivencia responsable co medio natural fronte a un modelo que defende privilexios históricos a costa de sufrimento, dor, morte e destrución.

Este domingo 1 de febreiro, nas rúas.
✊ Pola vida, pola natureza, NON á Caza.

Relacionados