Esquerda Unida esixe medidas de restauración dos montes queimados.
Lino Costas: “A inacción por parte das administracións públicas está xa a xerar un dano ao medioambiente e permitindo a erosión do solo e a contaminación das canles de auga”.
Compostela, 9 de decembro 2025. Esquerda Unida vén de reclamar ante a Consellería de Medio Rural e ante a Confederación Hidrográfica do Miño Sil a posta en marcha de medidas de restauración e protección das zonas dos montes queimados durante o pasado verán.
Durante o ano 2025 en Galicia aconteceu a maior vaga de incendios forestais no que vai de século, resultando a provincia de Ourense a principal afectada. A pesares disto, a autoridade competente, a Xunta de Galicia, “non está a aplicar ningunha medida de protección e restauración dos montes tal e coma establece o Artigo 49 da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia” afirma Lino Costas, coordinador Nacional de Esquerda Unida.
Esquerda Unida denuncia que a inacción da Xunta de Galicia nesta materia “constituie un claro incumprimento das obrigas legais, incumprindo non soamente co establecido na mencionada Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, senón tamén con diversa lexislación autonómica, estatal e europea relativa ao mantenemento da biodiversidade, a integridade medioambiental, a calidade das augas e mesmo a saúde pública” matiza o coordinador. Do mesmo xeito, EU tamén entende que a CHMS coma responsable da protección das canles e da calidade das augas “ten o deber de intervir para evitar a contaminación de ríos, regatos e mananciais” engade.
Por todo isto e considerando que se debe manter a presión sobre a Xunta de Galicia para que cumpra coas súas obrigas con respecto á protección do medio natural, Esquerda Unida decidiu sumarse ás reclamacións de distintos colectivos ecoloxistas sobre esta cuestión.
“Dende Esquerda Unida consideramos que non se pode permitir que a administración autonómica agarde a tomar medidas cando os incendios estean de novo asolando a nosa terra” conclúe Lino Costas.







