Esquerda Unida leva á Fundación Francisco Franco á Comisión Europea por enaltecemento do fascismo

Esquerda Unida vén de dar un paso máis na súa loita contra o intento da Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF) de seguir a homenaxear e enaltecer o período máis escuro da nosa historia —o golpe de estado franquista, o xenocidio e a ditadura mediante a presentación da pregunta parlamentaria á Comisión Europea, formulada por Javier Couso, eurodeputado de Izquierda Plural, de se “negar os crimes do ditador Franco non constitúe enaltecemento de delitos de lesa humanidade”, e que opina [a Comisión] sobre que o goberno do Partido Popular permita que “unha Fundación desas características siga, non só existindo en España, senón xestionando as visitas a un Ben de Interese Cultural”.

Esta pregunta á Comisión Europea é un paso máis a favor da cultura democrática do noso país e súmase, nesa liña, á denuncia que dende Esquerda Unida presentamos na Fiscalía a inicios de outubro contra a Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF) pola negación de delitos de lesa humanidade cometidos polo réxime franquista e enaltecemento da figura do ditador.

Tanto a denuncia á Fiscalía como a pregunta á Comisión Europea que vimos de presentar sobre a Fundación Nacional Francisco Franco están sustentadas en declaracións públicas de cargos da Fundación nas que se negaban delitos de lesa humanidade e se enaltecía a figura do ditador, declaracións que non teñen cabida, corenta anos despois, neste país.

Dende Esquerda Unida destacamos o espectáculo dantesco de aldraxe continuado ás vítimas do franquismo que se está a dar co Pazo de Meirás, protagonizado pola Fundación Franco que segue a ter a súa xestión, feito que levamos expresamente á Comisión, xa que o vemos inadmisible que en pleno século XXI.

Por último, dende Esquerda Unida seguimos a denunciar todo o que acontece co Pazo de Meirás, Ben de Interese Cultural (BIC) dende 2008, propiedade ilexítima da familia do ditador e obtido a través da extorsión, e que, paradoxalmente, segue a usarse para facer apoloxía da figura do máximo responsable do xenocidio acontecido na Guerra Civil. 

Relacionados