Esquerda Unida participa no acto da Marea Constituínte, en Vigo

Esquerda Unida participou este sábado no acto de Marea Constituínte, en Vigo, co obxectivo de gañar a Xunta e ofrecer unha alternativa ás políticas antisociais do Partido Popular. Os alcaldes de Ferrol, Jorge Suárez, Santiago de Compostela, Martiño Noriega, e A Coruña, Xulio Ferreiro, impulsores desta xornada, salientaron o consenso acadado, con esforzo, xenerosidade e traballo conxunto.

Durante a clausura do acto, no auditorio Mar de Vigo, os tres estiveron de acordo en sinalar que deste entendemento xorde un proxecto político que irá moito máis alá das vindeiras eleccións autonómicas, que lle devolverá o poder á cidadanía.

Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida, lembrou que “hoxe é un día histórico, pero non podemos esquecernos do xermolo desta gran marea, AGE primeiro e as mareas municipalistas despois foron fundamentais neste camiño. O cambio é imprescindible para as máis e para os máis”. E puxo en claro o balance de sete anos de Feijóo: “Imos herdar unha un país espoliado, máis pobre e máis desigual, por iso é imprescindible unha nova política, unha nova forma de facer as cousas: unha política económica que pense na xente do común, unha política social que non deixe a ninguén na cuneta, unha politica medioambiental que defenda os nosos recursos. Queremos unha Galicia soberana, na que decidamos por nós, de xeito fraternal, unha Galicia igual entre homes e mulleres, onde as mulleres sexamos o motor de arranque”, dixo.

Relacionados