Esquerda Unida presenta a campaña “Cambia de Bando” na que anima á migración do modelo enerxético do oligopolio a outro baseado na economía social

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, e Guillermo Crego, membro da dirección de Esquerda Unida e responsable de Estratexias para o Conflito, veñen de presentar esta mañá en rolda de prensa a campaña “Cambia de Bando”, que ten como obxectivo animar á cidadanía a abandonar os oligopolios eléctricos en beneficio da contratación de cooperativas que usen enerxía 100% renovable baseada na economía social.

En palabras de Eva Solla, “debería ser de interese nacional avanzar na investigación de renovables, dun proceso de cambio e transición enerxética ata unha enerxía verde. No último ano, as cinco principais empresas eléctricas tiveron un beneficio de máis de 4.200 millóns de euros que non se plasman, nin en beneficio social, nin nun modelo mellor para o medio ambiente. Ante esta panorámica, a campaña que presentamos chama a pasar a acción, é dicir, das palabras ás accións concretas”, sinala.

“A campaña Cambia de Bando xurde das propostas da Asemblea de activistas de Izquierda Unida collendo a proposta da Plataforma por Un Novo Modelo Enerxético, e propón a transición cara un novo modelo que pule polo control público, a maior participación cidadá, a produción acadada por medio de fontes renovables 100% limpas e unha distribución eficiente. Este modelo racha co modelo actual de oligopolio enerxético totalmente incompatible coa vida no planeta”, sinala. Segundo explica Crego, “o obxectivo é chamar á cidadanía a mudar a empresas sociais que aposten por enerxía renovable 100%, xa que dar o paso é tan sinxelo como facer unha chamada telefónica e solicitar a migración. Co fin de sensibilizar á poboación, faremos diferentes actividades por todo o país para entrar nun debate profundo sobre a necesidade de loitar contra o oligopolio e acadar un novo modelo”.

Materiais da campaña:

Ver vídeo da rolda de prensa dende aquí

Relacionados