Esquerda Unida presenta a súa XII Asemblea Nacional que terá lugar o vindeiro 3 de xuño en Compostela

 “Estamos a afrontar unha Asemblea nacional con tranquilidade, satisfacción e con moita felicidade: esta organización está consolidada, ten banquillo, propostas, xente, renovación e futuro”, lembra Yolanda Díaz.

Esta mañá Yolanda Díaz, coordinadora Nacional de Esquerda Unida, Rubén Pérez, secretario de Organización de Esquerda Unida e Raquel Bernárdez, membro da Comisión Preparatoria da XII Asemblea Nacional de Esquerda Unida, presentaron en rolda de prensa a XII Asemblea Nacional de Esquerda Unida que terá lugar este vindeiro 3 de xuño en Compostela co lema “A Forza das Ideas”.

Raquel Bernárdez foi a encargada de presentar un proceso aberto no que estamos inmersas, un camiño no que “prima a participación da afiliación e das e dos simpatizantes” e que “está no punto de proceso de debate dos documentos: os estatutos, o informe de xestión e o documento de elaboración colectiva: Unha EU para a Unidade Popular”, explicou o membro da Comisión Preparatoria.

Pola súa banda, Rubén Pérez apuntou que a que vén non é unha asemblea máis para Esquerda Unida, senón que “é unha asemblea nova, que recolle un novo proceso de presentación de documentos en aberto”. Neste senso incidiu en que “queremos que sexa a militancia quen presente as teses políticas, uns documentos que calquera militante pode votar”, dixo.

Respecto a Esquerda Unida, o secretario de Organización incidiu en que “temos un crecemento en número de persoas afiliadas moi importante e somos unha organización que ten 31 anos de historia, polo que é unha organización consolidada, madura e con futuro”.

Á hora de dar paso á coordinadora nacional de Esquerda Unida, Rubén Pérez lembrou que a XII Asemblea Nacional de Esquerda Unida vai ser “un momento moi transcendental” xa que, despois de moitos anos, Yolanda Díaz non vai ser coordinadora desta organización. “Yolanda Díaz é a pedra angular desta organización e a que fixo que Esquerda Unida sexa en Galicia o que a cidadanía ve a día de hoxe. Foron moitos anos e moitos esforzos os que fixo para consolidar a esta organización. É por iso que para nós esta asemblea vai ser un momento moi emotivo no persoal. Sabemos que nas organizacións os relevos políticos son necesarios, aínda que neste caso é tamén un relevo colectivo, xa que sabemos que podemos contar con ela para os retos futuros”, sinalou o secretario de Organización.

Pola súa banda, Yolanda Díaz denunciou, en consonancia co traballo realizado na Comisión de Emprego, que “as políticas do PP no conxunto do Estado e que Feijóo acomete permiten que Galicia despunte nas mortes en accidentes de traballo.  Dende Esquerda Unida pedimos que se incrementen as partidas orzamentarias en materia de seguridade laboral e que cambien as políticas do PP respecto a esta cuestión”.

En segundo lugar, destacou que “estamos a afrontar unha Asemblea nacional con certa tranquilidade, certa satisfacción e con moita felicidade. Con tranquilidade, polo que dicía xustamente Rubén, esta organización está consolidada, ten banquillo, propostas, xente, renovación e futuro. Con satisfacción: foron catro anos intensos nos que o panorama político mudou e unha peza substancial foi a militancia de Esquerda Unida. E a felicidade no persoal: agora vou xogar outro rol, non só dende a miña participación na dirección nacional e Federal de Esquerda Unida, tamén poderei atender as responsabilidades grandes que hoxe temos no Congreso dos Deputados”, lembrou.

Tal e como sinalou Díaz, a XII Asemblea Nacional de Esquerda Unida preséntase “no final dun réxime político onde todas as institucións están asediadas e azoutadas pola corrupción, un momento político de excepcionalidade nun país que está gobernado por un presidente que representa a un partido infecto de corrupción. Por iso, a grandeza da análise das teses políticas que temos que traballar vai ser fundamental para conseguir o que iniciamos dende unha fenda de ruptura no social. Agora o que toca é ensanchar esa fenda para renacer e configurar un novo espazo político onde as clases populares poidan vivir con dignidade”.

Neste senso, “as aportacións son imprescindibles para tecer a unidade popular. Agora toca estar á altura das circunstancias e ter audacia. Desexo unha sorte inmensa á nova dirección e sei que esta organización ten unha historia de movemento obreiro, polo que temos que dicir que a clase traballadora deber ser a protagonista na Galicia que queremos”, rematou.

Relacionados