Esquerda Unida vén de reunirse coa dirección nacional de Comisións Obreiras

A dirección nacional de Esquerda Unida, encabeza pola coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, e o secretario de Organización de Esquerda Unida, Rubén Pérez, vén de reunirse co secretario xeral de Comisións Obreiras, Ramón Sarmiento. A xuntanza entre EU e CC.OO. vén enmarcada dentro do traballo que, dende ambas organizacións, se está a abordar tanto no debate propositivo sobre a situación das pensións públicas como na fenda salarial.

Nesta xuntanza tratáronse diferentes temas e levouse a cabo unha análise dos eidos que preocupan a cidadanía, a diagnose laboral atópase definida por unha precarización galopante do mercado de traballo, que vese reflectida tanto no tecido industrial como de servizos. O campo da investigación como motor de desenvolmento cultural e económico do país, actualmente se atopa en estado de abandono. A sanidade, que recentemente acaba de sufrir unha nova amputación, debe de seguir coa loita que arrancou no pasado 4 de febreiro.

Ante o balance realizado sobre a situación política e institucional na que se atopa Galicia, dende Esquerda Unida constatamos a situación de desmantelamento xeral e concordamos coa necesidade de tecer unha estratexia global que permita a participación de todos os espazos políticos e sociais na loita para a recuperación dos dereitos da clase traballadora. Esta debe ser unha das prioridades para garantir o éxito das reivindicacións que permitan recuperar a dignidade laboral e social da clase traballadora.

Por outra banda, foi coincidente o exemplo extremo da precarización que recae no espazo que ocupa a muller na sociedade. Este día internacional da muller traballadora, marca o inicio dun espazo unitario reivindicativo e de clase que ambas organizacións auguran será un éxito de participación dentro da folga convocada para o día 8-M.

Relacionados