Esquerda Unida rexeita a custodia compartida imposta, todo un retroceso nos avances e dereitos acadados polas mulleres

Este vindeiro martes, no pleno do Parlamento de Galicia, debátese a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) sobre corresponsabilidade coa intención, por parte dalgúns grupos parlamentares, de converter a custodia compartida imposta nunha medida habitual e xeneralizada.

Dende Esquerda Unida rexeitamos esta norma, que pretende impor a custodia compartida de fillos e fillas, aínda cando non exista mutuo acordo entre os seus proxenitores. Tal e como sinala Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, esta medida é “totalmente innecesaria e incorrecta dende o punto de vista xurídico, xa que agocha tras de si o concepto de custodia compartida imposta, xunto con diversos aspectos que afectan aos dereitos das menores e dos menores, e tamén aos dereitos das mulleres”.

Esquerda Unida, unha vez máis e coincidindo coa maioría das organizacións feministas, maniféstase en contra da custodia compartida imposta, que actúa incluso cando non é posible acordo mutuo entre os proxenitores, xa que considera esta proposta como un retroceso nos avances e dereitos acadados polas mulleres.

“Entendemos que os dereitos das mulleres, no marco de violencia estrutural e patriarcal deben ser protexidos, e que o interese superior dos e das menores debe de ser o que prevaleza, sen embargo con esta proposta de ILP, semella que o que se fai prevalecer é o interese dos pais a vivir con estes menores”, manifesta Eva Solla. E explica: “A custodia compartida é unha opción positiva sempre e cando o acordo sexa mutuo e aceptado libremente entre os cónxuxes, sen imposicións que a convertan en nociva para as relacións e dereitos dos máis vulnerables”.

Por todo isto, dende Esquerda Unida facemos un chamamento a manifestarse en contra das organizacións sociais e dos grupos parlamentares que no Parlamento de Galicia queren levar a cabo esta ILP co fin de que esta proposta non siga adiante, xa que consideramos que é lesiva, tanto para os intereses das menores e dos menores como para os dereitos das mulleres, neste marco de sociedade patriarcal no que vivimos.

Relacionados