Esquerda Unida rexeita o peche da fábrica de Vestas en Viveiro e esixe a Xunta e Goberno central explicacións

Esquerda Unida rexeita o peche anunciado pola factoría Vestas para a súa planta de Viveiro. O cese da actividade nesta fábrica suporía deixar na rúa a 115 traballadores e unha incalculable perda de empregos indirectos, nunha comarca, A Mariña, afectada xa pola ameaza de peche de Alcoa.

Desde a Coordinadora Comarcal de Esquerda Unida en Viveiro denuncian a gravidade da situación industrial pola que pasa a comarca: “ Levamos anos asistindo a un peche progresivo da industria. Ecar, Finsa, Muebles Hermida…e un longo étcetera que non só se leva por diante os postos de traballo directos, se non que arrastra consigo a economía da comarca. O peche de Vestas sería un enorme pao máis para a nosa maltreita industria.”

Esquerda Unida denuncia ademais que se volve producir un peche dunha factoría que percibiu cuantiosas axudas públicas. En palabras de Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida: “ é indecente que se anuncie este peche despois de máis 2 millóns de euros de axudas entre 2011 e 2013 tras as que xa se ameazou cun ERE en 2015, pero, sobre todo, amosan unha ausencia absoluta de escrúpulos ao pechar tras recibir a través do IGAPE 1,7 millóns en 2018 tras o peche de Vestas León.”

“Vestas comprometeuse ante a Ministra Teresa Ribera en 2018 a apostar polo emprego en Lugo para xustificar o peche da súa fabrica leonesa. Comprometéronse investimentos económicos e o único que obtemos é despedimentos e beneficios da empresa a costa da administración pública”, relata Solla.

Esquerda Unida pide aos Gobernos Centrais e Autonómico que se pronuncien sobre esta cuestión e reclama á Xunta que explique onde están os 14.000 postos de traballo prometidos por Feijóo en 2010 co Plan Eólico e que este aclare porque se sigue permitindo ás grandes empresas explotar o noso territorio mentres persiste a destrución industrial.

Relacionados