Esquerda Unida solidarízase coas víctimas da agresión homófoba en Compostela

Esta semana, Compostela volveu ser tristemente testemuña dunha das lacras da nosa sociedade: a homofobia. Un home foi agredido nun supermercado do Barrio de Galeras e, posteriormente, vexado e insultado polos seus agresores con insultos serofóbicos e LGTBIfóbicos.

“Unha vez máis temos que elevar a voz de alarma: as persoas LGTBI non están protexidas”, explica Noel Dopazo, coordinador da Área de Diversidade Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU). Segundo Dopazo “queda moito por facer, mais as políticas LGTBI non están sobre a mesa. As institucións teñen que poñerse mans á obra e, ademais de xestos simbólicos, o colectivo LGTBI necesita políticas para garantir a súa seguridade e poder ter unha vida digna”, explica.

“Dentro destas políticas destacamos, por exemplo, a creación dun plan integral de actuación para os casos de LGTBIfobia, así como formación específica para os corpos de seguridade ou promover a denuncia destas agresións, entre outras”, propón Noel Dopazo.

Dende Esquerda Unida queremos mostrar todo o noso apoio á parella e pedimos tanto ao Concello de Compostela como á Xunta que comecen a tomarse máis en serio o problema das agresións LGTBIfóbicas, para que isto non volva ocorrer nunca máis e para que non teñamos que lamentar máis agresións.

Relacionados