Esquerda Unida súmase á concentración de Sogaps para esixir a liberdade dos presos políticos saharauís

Este domingo, Esquerda Unida sumouse á concentración de Sogaps, no Obradoiro, para esixir a liberación dos presos políticos saharauís.

Esquerda Unida vén de esixir mediante un comunicado a nulidade da sentenza do xuízo farsa dos activistas de Gdeim Izik, despois de coñecer que o tribunal marroquí, usando como probas declaracións baixo tortura,  ditaminara sentenzas (de entre vinte anos e cadea perpetua) contra os activistas saharauís, que xa levan sete anos en prisión.

O xuízo farsa está infestado de irregularidades, falta de garantías procesuais, e graves violacións á presunción de inocencia, xa que os detidos non foron asistidos de letrados, nin na detención nin nas declaracións ante o xuíz instrutor, un sinónimo de silenciar e acabar co dereito á defensa. É por isto que vemos con desgusto como o fin último desta farsa era practicamente a confirmación da sentenza do Tribunal Militar emitida o 17 de febreiro de 2013, nun dos xuízos máis longos da historia é tamén o máis escuro para a Xustiza Universal.

Esquerda Unida denuncia a nula presión institucional levada a cabo pola actual potencia administradora, o Estado español, respecto un xuízo que vulnera o Dereito Internacional en materia de Dereitos Humanos e lamenta o silencio mediático existente sobre este ignominioso proceso. 

Do mesmo xeito, expresamos a nosa solidariedade e o noso apoio ao pobo saharauí na súa heroica loita fronte a Marrocos, o opresor, ilegal e ditatorial ocupante do Sáhara Occidental, así como manifestamos o noso apoio á Fronte Polisaria, lexítima representante do pobo saharauí e ás organizacións que, como Sogaps en Galicia, traballan para defender os dereitos do pobo saharauí.

Relacionados