EU apoia a folga educativa do 24-N e esixe a eliminación das reválidas, a reversión dos recortes e a volta á proba de acceso á Universidade

Esquerda Unida estivo na folga educativa que tivo lugar este 24 de novembro en toda Galicia con motivo da derrogación das Reválidas e a LOMCE. O éxito das mobilizacións do pasado 26 de outubro son a causa principal que obrigou o Goberno a recuar respecto ás reválidas. A pesar da recente aprobación no Congreso dos Deputados dunha proposta para iniciar a tramitación da proposición de lei sobre a Suspensión do Calendario de Implantación da LOMCE, que forzaba ao Executivo a ofrecer os cambios demandados pola comunidade educativa, o certo é que o PP está disposto a cargarse a separación de poderes ignorando a capacidade do lexislativo, que emana da vontade popular, e ten previsto que sexa o Tribunal Constitucional quen decida quen ten as competencias para levar a cabo unha proposición de lei.

Esquerda Unida, así como a comunidade universitaria, celebra o inicio da reversión da política educativa do Goberno do Partido Popular. Non obstante,  considera insuficiente estes pasos, polo que esixe ir máis alá e eliminar as reválidas, revertir os recortes e repoñer a proba de acceso á Universidade (PAU) que garanta a igualdade de oportunidades no acceso á calquera universidade.

Dende o irrenunciable compromiso coa educación pública, Esquerda Unida vén desenvolvendo durante os últimos anos unha intensa campaña contra as reválidas, a LOMCE e os recortes educativos por entender que supoñen un ataque frontal a unha educación pública promotora dun modelo educativo inclusivo, laico e democrático. Por todo isto, Esquerda Unida participou nas mobilizacións onde estivo presente Xabier Ron, membro da dirección de Esquerda Unida e ex-deputado de AGE.

Relacionados