EU Barbanza celebra unha xuntanza con colectivos e profesionais do sector sanitario da comarca

Hoxe xoves Esquerda Unida Barbanza reuniu no Centro Social de Boiro a organismos, colectivos e profesionais do sector sanitario para debater acerca das deficiencias, problemas e dificultades cos que cada día se atopan tanto os profesionais médicos coma os pacientes do sistema público sanitario. Na xuntanza estivo tamén presente Eva Solla Fernández, membro da dirección de EU e deputada de AGE no parlamento galego.

No encontro, que se extendeu ao longo de case tres horas, as persoas asistentes coincidiron no abandono xeneralizado do sistema sanitario galego: aumentar as equipas de profesionais, gravemente minguadas polos recortes da dereita; mellorar e ampliar as instalacións ou perfeccionar os protocolos de actuación son algunhas das medidas urxentes, que apuntaron algunha das asistentes á xuntanza, para mellorar a calidade da nosa sanidade. Solla insistiu en que debemos traballar para “recuperar o prestixio da sanidade pública; socavado polas políticas de dereitas”.

A xuntanza tamén contou coa presenza das mareas do Barbanza: Rianxo en Común, Boiro Novo e Nós Pobra asistiron ao encontro, tanto para manifestar o seu apoio á sanidade pública, como para poñer sobre a mesa as deficiencias que o servizo ten nas súas vilas. As deficiencias nos centros de saúde ou a urxente necesidade de aumentar o numero de pediatras foron algunhas das inquietudes postas sobre a mesa polos representantes políticos das marea barbanzanas.

Á xuntanza asistiron traballadoras sociais, enfermeiras, médicas, e outras profesionais vinculadas ao sector sanitario. Asemade, estiveron representadas Médicos del Mundo, a Plataforma da Sanidade Pública do Barbanza, así como AMBAR ou Mulleres en Acción. O insuficiente número de profesionais, o procedemento para cubrir o postos baleiros, así como o sistema de adquisición de
equipamentos médicos foron algunhas das preocupación nas que máis incidiron as persoas que mellor coñecen “as entrañas” do Sergas.

O encontro rematou coa vontade, por parte de Esquerda Unida e de Eva Solla, de tratar de recoller todas indicacións, suxestións e eivas vertidas durante o debate, para convertelas no eixo do discurso político da organización de esquerdas. Eixo tanto no traballo dentro do parlamento galego, durante os próximos meses, como para a articulación do programa político para os comicios autonómicos que terán lugar ese ano.

Durante a xuntanza Esquerda Unida Barbanza quixo insistir no seu compromiso co dereito fundamental á saúde. Para iso aposta por unha sanidade pública, universal e gratuíta. Para a
organización de esquerdas a utilización mercantilista dun dereito fundamental, como está facendo o Partido Popular, é nefasto para unha boa atención sanitaria de toda a cidadanía.

Relacionados