EU celebra a decisión da xuíza de procesar a catro membros do PP como presuntos autores dun delito electoral

A coordinadora de Esquerda Unida e candidata de En Marea pola provincia de A Coruña, Yolanda Díaz, xunto co deputado de AGE e membro da dirección de Esquerda Unida, Ramón Vázquez, ofreceron esta tarde unha rolda de prensa na que celebraban a decisión da xuíza de procesar a catro membros do PP como presuntos autores dun delito electoral: José Luís Iravedra, Teresa Taboada, Serafín Rodríguez e Benigno Gómez.

“Consideramos un éxito para a democracia que se vaia celebrar o primeiro xuízo do país por un tema de carrexo de votos, unha práctica, por desgraza, estendida e asumida polo PP en Galicia. O considero un paso esencial na titánica loita de rexeneración democrática no noso país”, sinalou o deputado Ramón Vázquez.

“O presidente do PP de Galicia, e dos galegos e galegas, debe cesar de todos os seus cargos ás persoas implicadas neste asunto e debe dar cumprimento do seu almidoado código ético, facendo asumir responsabilidades a aquelas persoas implicadas nesta trama e nas que pende a apertura da fase do xuízo oral”, destaca a coordinadora de EU, Yolanda Díaz.

Segundo recorda Ramón Vázquez, “este feitos que denunciamos tiveron lugar nos pasados comicios do 21 de outubro de 2012 e foron expostos por Alternativa Galega de Esquerda (AGE), primeiro, ante a Xunta Electoral e, despois, no xulgado”. Concretamente, Esquerda Unida decidiu presentar a denuncia despois de que o deputado de AGE, Ramón Vázquez, fose testemuña dos feitos, xa que se atopaba ás portas do colexio cando chegaron, procedentes do asilo e cos residentes, monxas e membros do PP “os mesmos aos que agora pedimos que asuman as súas responsabilidades políticas”, esixe o deputado.

Para Díaz, “o feito de que cargos do PP se senten no banquillo por actos tan execrables, e que todos puidemos contemplar nas fotos, na que altos responsables do PP que trasladaban anciáns, aos que o propio IMELGA dictaminou que non estaban en condicións para exercer o seu dereito ao voto, xa que tiñan alteradas as súas facultades cognitivas, é un feito histórico que celebramos, aínda que esiximos responsabilidades políticas e así o fixemos dende o minuto un”.

Neste sentido, Ramón Vázquez recordou que “Teresa Taboada resultou nomeada membro do comité executivo provincial do PP de Lugo, celebrado o pasado marzo e asume o cargo de coordinadora sectorial neste órgano. Se verdadeiramente a presidenta do Partido Popular de Lugo, a señora Candia pretende escenificar unha renovación do partido, tal e como presume, debe cesar a Teresa Taboada de todos os seus cargos, máis cando se presenta como o azote do control do goberno da deputación provincial”.

Para Yolanda Díaz, “estos feitos demostran que os imputados formaron parte dun comando organizado do Partido Popular para carrexar votos e que agora, tal e como remarcamos, estas persoas deben asumir as súas responsabilidades políticas, xa que é bochornoso gañar unhas eleccións a este prezo: denigrando ás persoas e na ilegalidade”. “É un tema sumamente serio. Falamos de persoas en situación de especial vulnerabilidade, como son os residentes na Residencia Hogar San Roque, que exerceron forzadamente o seu dereito de voto portando a papeleta nun sobre pechado desde a salida da residencia, é un feito bochornoso e denigrante que está tipificado na normativa electoral”, critica Díaz.

Finalmente, Ramón Vázquez incidiu en que pedirán a comparecencia como testemuña do ex presidente do PP provincial José Manuel Barreiro e da monxa directora do asilo para testificar como responsables desta aberración democrática.

Relacionados