EU critica o gasto vergoñento de 12 millóns de euros en voos de deportacións para 2016 e 2017

Esquerda Unida denuncia a práctica racista e xenófoba posta en práctica polo Goberno, esta vez mediante a publicación dunha resolución no Boletín Oficial do Estado (BOE) pola que licita, por un total de 11.880.000 euros, voos de deportación de inmigrantes en situación irregular aos seus países de orixe ou procedencia para 2016 e 2017.

Xabier Ron, membro da dirección de Esquerda Unida e deputado de AGE, esixirá de novo ao Parlamento, por medio do grupo Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a inmediata cancelación deste tipo de accións por parte do Ministerio do Interior, “actuacións que son a demostración dunha total falla de sensibilidade e humanidade e que se están a realizar co beneplácito da Xunta de Galicia”.

Segundo sinala Ron, “foi en plena véspera da noite  de  ilusión  que  supoñen  para  as  crianzas  os  reis  magos  de  Oriente cando o  Ministerio  do  Interior  publicaba  no  BOE  o  exercicio  de  realismo  sucio consistente  na  licitación  do  contrato  para  realizar  os  voos  de  deportacións masivas  e ilegais”.

Tal e como engade Xabier Ron, “as persoas inmigrantes depórtanse sen atender ás condicións da irregularidade administrativa e sen nin tan sequera informar dos seus dereitos procesais”. Neste senso, Ron lembra que “o Ministerio  do  Interior  pretende  continuar  a   atentar  contra  os dereitos  humanos  e  vulnerar  as  normas  de  dereito  internacional con cartos públicos. Exactamente un total de  11,8 millóns que servirán para alimentar un negocio baseado en prácticas ilegais e ilexítimas”, indica.

“O  artigo  sétimo  do  Estatuto  de  Roma  da  Corte  Penal  Internacional,  que considera como crime de lesa humanidade a deportación ou traslado forzoso de poboación; o artigo 19  da  Carta  de  Dereitos  Fundamentais  da  UE, que prohibe  as expulsións colectivas; e o protocolo cuarto do Convenio Europeo dos dereitos Humanos, que sinala no seu artigo 4 a prohibición das expulsións colectivas de estranxeiros, son algunhas das normas internacionais ás que atenta esta práctica”, explica o deputado.

No último bienio, as compañías Air Europa e Swift  Air, do Grupo Globalia, foron as que participaron nunha práctica que é unha clara violación dos dereitos humanos, polo que dende Esquerda Unida insistimos na urxencia de acabar con estas operacións humillantes de deportación masiva e insistimos en que se garantan, dunha vez por todas, os dereitos das persoas migrantes.

Relacionados