EU, da man do deputado Javier Couso, leva ante a Comisión Europea as deficiencias do Hospital de Vigo

Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada de AGE, xunto a Eva Solla, membro da dirección de Esquerda Unida e deputada de AGE, ofreceron esta mañá en Compostela unha comparecencia de prensa na que presentaron a iniciativa sobre sanidade pública (Hospital Vigo) levada ao Parlamento Europeo polo europarlamentario de IU, Javier Couso, entre outros temas sobre a defensa da sanidade pública.

Yolanda Díaz recordou hoxe en rolda de prensa en Compostela algúns exemplos dunhas políticas de recortes que deixan ver como a destrución da sanidade pública, universal e gratuíta segue a ser un dos obxectivos prioritarios de Alberto Núñez Feijóo”.

“O traslado do novo Hospital de Vigo converteuse nun esperpento e é todo un exemplo de privatización da sanidade pública en Galicia en beneficio dos amigos do PP. As políticas de recortes deixan en situacións moi difíciles para as persoas que agardan por unha intervención e mostran o máis forte desprezo aos pacientes afectados que financian cos seus impostos un sistema sanitario público, non un negocio a costa da saúde da cidadanía”, sinala.

Pola súa banda, Eva Solla recordou que o novo hospital de Vigo “foi inaugurado cun ano de atraso pola incapacidade da UTE para conseguir o financiamento necesario, sendo finalmente financiado, entre outros, por un fondo de capital risco público e polo Banco Europeo de Investimento”. Con todo, a pesar de contar con financiamento público, segue sendo unha colaboración público-privada, sendo asinada dita privatización por moitos anos e co total dos seus servizos non sanitarios externalizados e precarizados.

“Dende o inicio, dende Esquerda Unida denunciamos unha serie de serias deficiencias tales como tubaxes rotas, desprendementos de teitos, redución das camas previstas a case a metade, ausencia de esterilización e laboratorio central propio, cobros abusivos en aparcadoiro e outros servizos, instalacións inadecuadas e material insuficiente e obsoleto, así como falta de materiais, que fan que se anulen operacións ou que se muden os propios mecanismos de operacións,. Nos entendemos que isto non é aceptable e por iso queremos que a Comisión coñeza esta situación”, explicou.

É por este lamentable espectáculo que o europarlamentario de IU, Javier Couso remitiu unha pregunta parlamentaria sobre a opinión de Comisión “de que se gaste o diñeiro do fondo Europeo de Investimento nun hospital que ao pouco tempo da súa inauguración demostra ser tan pouco eficiente”.

“Entre os 112 millóns de euros do novo Hospital de Vigo e os 90 millóns de euros que pagamos cada ano a Povisa, o montante da sanidade, que vai a mans privadas, ascende a máis 200 millóns de euros, o que é unha indecencia”. Por iso dende Esquerda Unida apoiaremos as diversas manifestacións e andainas desta semana en Vigo e Pontevedra, xa que a nosa sanidade debe deixar de ser un negocio.

Relacionados