EU saúda a sentenza do TSXG que declara ilegal o uso de Monterrei como Parador

Esquerda Unida felicítase da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que declara ilegal as obras de rehabilitación realizadas pola Xunta de Galicia e a Axencia Galega de Turismo, que se amparaban nunha concesión administrativa do Concello de Monterrei, gobernado polo PP.

Dita sentenza confirma a do xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Ourense, onde xa se destacaba que as obras realizadas excedían a edificabilidade máxima permitida para este Ben de Interese Cultural.

Por outra banda, a recente sentenza do TSXG apoia o labor que desenvolveu a Plataforma pola Defensa do Castelo de Monterrei, que sempre denunciou as actuacións da Xunta e as súas intencións para co Castelo de Monterrei, así como confirma o traballo político de denuncia que fixo Esquerda Unida a través de AGE no Parlamento de Galicia. De maneira insistente fixemos fincapé na inoperancia tanto da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que someteu o noso patrimonio a unha terrible situación de abandono, como da Axencia de Turismo de Galicia, preocupada unicamente de tirar rendibilidade económica dun proxecto que non tiña sentido desde os seus inicios, cando a menos de 500 metros xa estaba un Parador de Turismo en situación agónica (de feito, a empresa Paradores SA está en situación de ERE desde novembro de 2012).

A Xunta de Galicia debera reflexionar de forma inmediata e proceder de forma urxente a atender á sentenza do TSXG e devolver ao estado orixinal un Castelo cuxa estrutura primixenia se viu gravemente afectada pola rehabilitación e pola aberrante teima de converter en Parador de Turismo un Ben de Interese Cultural que debe ser de uso público e común.

Ler en:

La Región

Noticias21

Relacionados