EU esixe a inmediata paralización das reválidas anunciadas pola Consellería de Educación

Ante o anuncio do Director Xeral de Educación da convocatoria das reválidas no terceiro e sexto curso de Primaria para o mes de maio, Esquerda Unida pediu hoxe a súa inmediata paralización. “O PP sabe que a LOMCE será derrogada tan pronto abandonen o Goberno polo que queren apurar os prazos para que Feijóo faga méritos en Madrid, aínda que iso supoña usar aos rapaces e rapazas como cobaias políticas”, explica Roi Rodríguez, coordinador da Área de Educación de Esquerda Unida.

A formación de esquerdas alega que as reválidas son radicalmente prexudiciais para o alumnado e as familias polo alto nivel de estrés que fan sentir ao alumnado e porque son totalmente inútiles ao non reflectir resultados reais, xa que non están adaptadas aos temarios nin ás realidades particulares de cada centro, de cada aula, de cada grupo e de cada persoa. En palabras do coordinador da Área de Educación de EU, “son un verdadeiro atranco, pois non se pode vender que se dá unha atención individualizada, como fai a Xunta, e logo etiquetar aos rapaces cun único exame, obviando o esforzo e o progreso que o alumnado fixo todo o curso e nos anos anteriores e ignorando a capacidade avaliativa dos mestres, ademais de facelo coas mesmas probas para todos, sen ter en conta o contexto e as situacións de cada centro e cada rapaz”.

Dende Esquerda Unida sinalan que o obxectivo de aplicar estas reválidas a nivel estatal con normalidade neste curso escolar é xa un fracaso, ao ser maioría os gobernos autonómicos que declararon que non as realizarán ou que recurriron ante a xustiza a legalidade das mesmas.

Esquerda Unida sinala que, de aplicarse estas reválidas en Galicia, o  Goberno da Xunta obraría novamente en contra do sentir maioritario da comunidade educativa galega, como quedou de manifesto o curso pasado no que as familias do alumnado de primaria boicotearon masivamente a reválida en terceiro, ou na exitosa folga de estudantes do pasado 13 de abril a favor da derrogación da LOMCE.

Alén diso, Esquerda Unida apunta a que as reválidas tamén prexudican ao profesorado porque supoñen o incremento da carga lectiva do persoal encargado de facelas e corrixilas, un sector xa maltratado coa excesiva burocracia inservible que está a esixir a Consellaría e que resta eficacia e dedicación ás tarefas propiamente docentes.

 

Relacionados