EU esixe que o comportamento de Marrocos, contrario aos dereitos humanos, deixe de silenciarse

O membro da dirección de Esquerda Unida e deputado de AGE Xabier Ron denunciou este xoves da “grave escalada de represión que están a vivir os territorios do Sáhara Occidental e esixiu o Goberno non se quede de brazos cruzados ante as constantes violacións dos dereitos humanos que Marrocos está a cometer”.

O último exemplo desta conducta hostil tivo lugar no Aaiún. “Despois de dous meses de protestas pacíficas e de manifestacións en defensa do dereito ao traballo, 20 mozos saharauís foron agredidos brutalmente polos servizos policiais marroquís”, explica Xabier Ron. “As manifestacións foron violentamente reprimidas polas autoridades de ocupación marroquís, que causaron lesións graves aos participantes, que tiveron que ser hospitalizados. Como os mozos saharauís non responderon con violencia aos ataques da policía e continuaron protestando mediante medios pacíficos (por folgas ou por manifestacións), estes foron apedreados polas forzas de ocupación marroquís, que fixeron detencións arbitrarias e actuaron sen respectar os dereitos fundamentais”.

Este grupo, formado por uns 20 saharauís, seguiu as súas protestas cunha folga de fame de máis de 15 días e só obtiveron a promesa verbal de que se interviñería ante a empresa contratante, a OCP, que explota os fosfatos do Sáhara Occidental e que prima as contratación para os marroquís.

“Eles seguen a esixir os seus dereitos sociais e económicos que lles son negados polas autoridades de ocupación non dando traballo aos mozos saharauís e favorecendo sempre aos colonos marroquís”, sinala Ron.

Para o deputado non hai dúbidas de que “as detencións indiscriminadas, as torturas silenciosas, como a negativa de dar emprego aos saharauís, as condenas ilegais de activistas e tamén de xornalistas, a violencia policial nas manifestacións demostran a brutal natureza do réxime colonial de Marrocos: unha violación sistemática e permanente dos dereitos humanos”, remata.

Relacionados