EU-Son Porriño e En Marea esixen ao Concello e a Xunta un protocolo de actuación para as persoas expostas ao lindano e instan á reparación dos danos da súa inacción

Pedro Ocampo, concelleiro de EU-Son O Porriño e Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia por En Marea, veñen de expor nunha rolda de prensa en Torneiros as iniciativas presentadas no Parlamento galego no relativo ao eido sanitario e as novidades informativas ao respecto da situación do lindano na comarca, así como as accións previstas para levar a cabo, nunha rolda onde tamén estivo a presidenta da Plataforma Anti-lindano da Louriña, Patricia Sio, e membros de GañeMos.

“Visto que non se fai ningunha analítica, imos solicitar no Parlamento un protocolo específico para as persoas que estiveron e están expostas tanto tempo ao lindano. Aínda non se fixo nada, o que é unha grave deixamento. Non entendemos que non haxa ningún protocolo e iso é o que demandamos. Tamén queremos saber se a Xunta fixo algún seguimento de traslado do lindano dende O Porriño ata Mos e esiximos que a Xunta aclare que está a pasar co lindano e como están a facer as catas”, sinalou Eva Solla.

Precisamente, pola natureza do  tóxico, é necesario que se avalíe a exposición da poboación, que se demanden as responsabilidades que correspondan (penais, administrativas e políticas) aos causantes da contaminación e se destinen, dende os gobernos central e autonómicos, os orzamentos necesarios para levar a cabo efectivas accións efectivas contra este contaminante.

Segundo explicou Pedro O Campo, EU Son Porriño tiña a intención de presentar unha moción ao Pleno do mes de xaneiro referida ao tema do lindano, algo que impediu a alcaldesa ao decidir que o Pleno fose extraordinario e, polo tanto, pechado nos puntos a tratar. “Non entendemos que despois non houbera outro pleno ordinario, algo do que xa nos queixamos á alcaldesa, pero obviamente non se nos tivo en conta. Ante esta situación trasladamos á prensa a moción que íamos presentar e que faremos no seguinte pleno ordinario”, relata.

“Non sabemos aínda o alcance desta contaminación nos acuíferos e terras do Porriño, non sabemos, e será moi difícil determinar, como ten afectado esta exposición prolongada dos veciños e veciñas a este veleno e cantas docencias teñen como causa o lindano. Cando daquela se fixeron analíticas o lindano era tratado como praguicida e só se fixeron en sangue e  non en graxa, que é onde se acumula esta sustancia de forma persistente. O que si está probado é que é unha sustancia perigosa prioritaria que provoca moitas doenzas e, polo tanto, as veciñas e veciños do Porriño estivemos, e aínda estamos expostos a este envelenamento agochado e persistente”, apuntou.

“Dende EU-SON Porriño aplaudimos todas as accións que se fagan para a retirada do lindano no Porriño e arredores (o concello veciño de Mos está igualmente afectado) pero non imos conformarnos cun lavado de cara destas administracións irresponsables e dos partidos que os sustentaron. Estamos convencidos que, sen a nosa presión e a presión da veciñanza, quen estivo nos sucesivos gobernos da Xunta e do Concello do Porriño houbesen intentado que todo quedase nun problema puntual e solucionable co subministro de auga a Contrasto. Non imos conformarnos con medias tintas e solucións parciais e con que quen tivo a irresponsabilidade de incumprir o deber de coidar da saúde e o medio ambiente no Porriño non asuma as consecuencias e a súa responsabilidade”, apunta.

Dende Esquerda Unida esiximos a implicación das diferentes administracións para paliar este problema ecolóxico e sanitario, que require dunha resposta inmediata que vaia máis alá de pechar os pozos de auga contaminados dos que a veciñanza leva anos abastecéndose.

A continuación e despois da rolda, levouse a cabo unha charla informativa coa veciñanza de Torneiros, moi preocupada polos efectos da contaminación silenciosa e invisible de lindano, coa que levan máis de medio século a convivir na zona.

Por último, a xornada rematou coa concentración, diante do centro de Saúde, para reclamar un protocolo de actuación coordinado na área sanitaria de Vigo con respecto a contaminación por Lindano e a ampliación e mellora nos servizos sanitarios.

Relacionados