ron.jpg - 32.35 Kb

Europa sempre lle declarou a guerra a África

 

Reflexións desde a escura idade

1. A democracia representativa occidental xa leva tempo naufragando. As probas son abundantes, sobre todo desde a década dos anos 80 do século XX. Mais, a voracidade depredadora do sistema acelerou o seu proceso destrutivo coa entrada no século XXI.

Houbo unha traizón aos ideais obreiros, aos ideais emancipadores, aos ideais da fraternidade e da solidariedade, e a igualdade desapareceu do horizonte inmediato, permanecendo como unha palabra comodín para discursos baleiros de contido.

Nestes 11 anos de século XXI, que coinciden coa salvaxe crise que azouta as clases traballadoras de todos os países do mundo, a traizón consumouse coa proclamación desde os órganos representativos da Europa-Mercado-Fortaleza, xa conquistados polas dereitas económicas –que son os autores da traizón, que renunciaron ao seu programa reformista, keinesián, de facer crer nunha cara amable e humana do capitalismo– e sociais –os da dereita de sempre, agora escoltados pola extrema-dereita– de leis e programas contrarios aos dereitos humanos, aos dereitos da clase traballadora.

2. O comportamento de Europa, das potencias occidentais en África sempre foi destrutivo. E deixo fóra do rango de análise os tempos do colonialismo e da escravitude. Quedarei no que acontece hoxe, cando, ao mesmo tempo que non anulan a débeda externa, consuman “acordos” que esnaquizaban as posibilidades endóxenas deses pobos de saír cara adiante.

A agricultura, os recursos primarios de todo tipo, quedan a expensas dos acordos de “cooperación”, que só son pretextos para:

a) converter o norte de África no xendarme migratorio de Europa;

b) converter algúns países africanos en lixeiros de Europa e demais potencias (EUA e China): Gana é o vertedoiro dos computadores que non queren Europa–EUA e as duras condicións nas que traballan as persoas que extraen os materiais válidos –e tóxicos– son fonte de doenzas de diversa índole; Nixeria padece a permanente contaminación petroleira da Royal Dutch Shell; etc.

c) dominar os gobernos, mudándoos en aliados e monicreques para favorecer os intereses das potencias occidentais;

d) permitir o asentamento e o monopolio das multinacionais occidentais: por exemplo, un reducido feixe de empresas –Cargill, ADM, Monsanto, Dreyfuss, Bungue– domina o 80 por cento da produción e comercio de sementes –soia, millo, trigo, arroz–; o petróleo e o gas –o AFRICOM, creado por EUA, procura, baixo pretexto da guerra contra o terrorismo, garantir o control ideolóxico e o abastecemento de petróleo–; os diamantes –guerras de Serra Leoa e Liberia); a pesca; etc.

Puro neocolonialismo. Pura devastación da soberanía, da seguridade alimentar e da autosustentabilidade dos pobos africanos. Millóns de africanos, que eran pequenos labregos e pequenas labregas, quen de vivir con autosuficiencia, por mor das políticas neoliberais víronse forzados a deixar o seu modo de vida e a migrar. O 46 por cento da poboación africana (mal)vive con menos de un dólar ao día –vid. Miguel Giribets, El saqueo de África. Algunas claves para entender lo que pasa, marzo 2011, descargable no portal Rebelión.org.

Tal como di Gigirets (páx. 8), un 60 por cento das colleitas de trigo e outros cereais está sometido ao control de fondos de investimento especuladores. O perigo tamén provén de destinar as colleitas de millo, por exemplo, á produción de biocombustible para os países capitalistas. E temos que engadir, por riba, que para esta produción as terras deixan de ser dos campesiños e son incorporadas ao patrimonio das multinacionais –entre o 2004 e o 2009, 2,5 millóns de hectáreas foron adquiridas en 5 países africanos. Os labregos e labregas empobrecidas ollan como as súas terras, en mans alleas, producen alimentos dos que non verán nada. A crise alimentar sae, entre outros aspectos, de todo isto que relatamos. E estourará levando por diante, como xa o está facendo, millóns de persoas.

3. Si. Europa sempre lle declarou a guerra a África. A fame é a manifestación máis visible desa guerra. Algúns cálculos falan de 854 millóns de persoas famentas no 2008, hoxe, tres anos despois, son 1.000 millóns. A maior parte, en África.

O Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional, a Organización Mundial para o Comercio, a dolorosa tríade neoliberal chantaxea os países empobrecidos, grazas á complicidade occidental, e obriga á liberalización dos mercados, á desregulación das normas de intercambio, á privatización do sector público, á redución dos orzamentos nacionais e, xa que logo, ao desmantelamento da protección social das persoas. E iso, xa acontece tamén no Primeiro Mundo. En todos os mundos posibles deste planeta onde goberne o maldito capital.

4. Europa non quere entender o mundo africano, nin o árabe. Quere sometelo. En nome do noso insustentable modo de vida, depredador e insolidario. Por iso, cando os procesos revolucionarios, máis ou menos espontáneos, ameazaron con estenderse por eses mundos, había que procurar unha xustificación para intervir. En efecto, poderían estar tranquilos os dirixentes capitalistas do mundo occidental ante unha posible nacionalización dos recursos enerxéticos coma o petróleo o o gas? Ante unha perda da presenza nese espazo?

5. A guerra de Libia é a perfecta demostración do capitalismo: mentres lle sexas rendible, incuestionable na balanza de beneficios, serás un bo amigo, mesmo entregándolle armas, devolvéndolle inmigrantes doutros países sen garantías, ou negociando petróleo e gas. Porén, cando interese, por motivos de maior rendibilidade, irán a por ti e farán unha guerra “humanitaria”. Noutras latitudes morren moitas máis persoas desde hai décadas: Congo, Birmania, por exemplo; noutras, permitiuse un golpe de Estado e recoñeceuse o vencedor dunhas eleccións fraudulentas (Honduras); e noutras permítese que o goberno-amigo oprima pobos e esnaquice os seus dereitos de autodeterminación (Sáhara, Palestina). Pero nesas latitudes nin sequera se exerceron accións diplomáticas. Déixase facer..

Relacionados