Eva Solla demanda un cambio no regulamento que esixa o cumprimento das iniciativas aprobadas na Cámara

Eva Solla presentou no pleno do Parlamento de Galicia unha iniciativa para a modificación do regulamento da Cámara para garantir un control ao Goberno, algo que neste momento non se está a dar, o que permite que a Xunta de Galicia incumpra a normativa e o propio Estatuto de Autonomía. A vicepresidenta da Cámara e deputada de En Marea, Eva Solla, denunciou na súa intervención “a habitual falla de resposta, por parte do Goberno galego, ás preguntas presentadas polos deputados e deputadas”.

“Que sentido ten o impulso parlamentario sen ningún control?“ preguntou Eva Solla, que destacou que outros Parlamentos están a incluír nos novos regulamentos fórmulas de avaliación ex-post da actuación do Goberno en cumprimento das decisións parlamentarias. As cortes de Aragón, ou a cámara do Principado de Asturies son algúns dos exemplos citados pola vicepresidenta do Parlamento.

Así mesmo, recordou que o artigo 148 da Constitución ampara que é competencia da Comunidade Autónoma a organización das súas institucións de autogoberno. O artigo 10 do Estatuto de Autonomía fixa como unha das funcións do Parlamento tanto a potestade lexislativa coma o control da acción executiva da Xunta de Galicia. A disposición derradeira segunda do regulamento da Cámara galega establece o procedemento de reforma do propio regulamento. En base a estes principios de dereito administrativo e constitucional, En Marea presentou a proposta de reforma do regulamento “que non é unha proposta exprés coma a de 2015, que recortaba a participación”.

En Marea considera que o actual Regulamento non facilita o control dos mandatos non lexislativos que supoñen unha manifestación da vontade unánime ou maioritaria na Cámara. A continua negativa da Mesa do Parlamento a aceptar as peticións da vicepresidenta e deputada de En Marea para solicitar información sobre o cumprimento ou non da Xunta de Galicia dos mandatos aprobados no Parlamento, sitúa as deputadas e deputados “nun punto de indefensión”.

Por todo isto, En Marea considera necesario articular mecanismos que permitan exercer ese control das iniciativas non lexislativas aprobadas dotando ditos mecanismos de cobertura legal amparada no Regulamento, cubrindo o baleiro actual do mesmo. “A impunidade do Goberno é total e fai que quede invalidade a separación de poderes. O pobo ten dereito a que o que se aprobe no seu Parlamento sexa cumprido polo Goberno, ou polo menos, que teñan que dar conta dos motivos do non cumprimento”, concluíu Eva Solla.

Ver vídeo dende aquí

Relacionados