Eva Solla denuncia discriminacións en ámbitos como o laboral, o sanitario ou o educativo ao colectivo LGTBI

Eva Solla, membro da dirección de Esquerda Unida e deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), valorou o informe sobre a situación das persoas LGTBI en Galicia do Valedor do Pobo no Parlamento Galego e defendeu a necesidade de actuar de xeito real e urxente para atallar as necesidades do colectivo LGTBI.

Segundo Solla, “a día de hoxe, a lei galega aprobada no 2014 contra a discriminación a colectivos LGBTI non garantía o cumprimento dos dereitos que en teoría están recollidos na mesma, aínda que non só non se mellorou, empeorouse, ao retirarse partes substanciais do texto presentado, tales como o réxime sancionador”. Doutra banda, “a lei queda coxa en materias como a falta de protocolos de actuación en materias de educación e sanidade e, no que ao eido penal se refire, aínda fican ferramentas a desenvolver. En materia sanitaria, dende AGE xa levamos un Plan de Saúde que foi rexeitado pola maioría do PP, o que significa que seguen se ter vontade política de mudar esta situación”, sinala a deputada.

“Tamén botamos de menos unha crítica aos dereitos incluídos na lei. Na LOMCE, por exemplo, se eliminou a educación en valores e, agora, carecemos dun ámbito nos currículos formativos onde trasladar esta formación de profesorado. Polo que temos deficiente formación de profesionais ao respecto. No que ao eido sanitario se refire, tal e como levabamos no Plan, se bota de menos o caso de Charlotte Goiar, a muller que conseguiu ser intervida despois de anos de loita e que a Xunta empeñouse en recorrer por non cumprir nas súas obrigas”, sinala Solla.

Dende a área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual (ALEAS-EU) denuncian que “pese aos pasos que se están a dar neste ámbito, as mudanzas non son suficientes, posto que as agresións seguen aumentando día a día, sen que se tomen medidas contundentes para acabar coa lacra que supón a LGTBIfobia e o sistema patriarcal”.

Neste senso, “ALEAS-EU insiste na necesidade da posta en marcha dunha lei que defenda os dereitos e liberdades do colectivo LGTBI na súa totalidade, non de forma parcial, como a actual Lei 2/2014 pola Igualdade de Trato e Non Discriminación a Gais, Lesbianas, Bisexuais, Transexuais e Intersexuais en Galicia, senón unha lei que penalice as agresións de odio, así como calquera discriminación por orientación sexual, xa que malia as poucas denuncias, as agresións existen a diario”, recorda Noel Dopazo, coordinador da área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual (ALEAS-EU).

 

 

Relacionados