Eva Solla e Raquel Bernárdez presentan os actos de Esquerda Unida polo 8M, Día Internacional da Muller Traballadora, na Casa Xohana Torres

Eva Solla, coordinadora de Esquerda Unida, e Raquel Bernárdez, coordinadora da área da Muller de Esquerda Unida, veñen de ofrecer unha rolda de prensa na Casa das Mulleres Xohana Torres, onde presentaron as diferentes actividades que levará a cabo a organización cara ao 8M, Día Internacional da Muller Traballadora.

Segundo explica Raquel Bernárdez, coordinadora da área da Muller de Esquerda Unida, “vimos de presentar a programación realizada dende Esquerda Unida co motivo do 8M, Día Internacional da Muller Traballadora, que ten como título Co feminismo nos talóns: ¡Que non che conten películas! e vai constar de tres actos xerais que terán lugar por toda Galicia co tema central do feminismo, como son a abolición da prostitución, a fenda salarial e o amor romántico, actos que completaranse con charlas por sete cidades explicando o motivo de por que facemos a folga feminista o vindeiro 8 de marzo”.

“O primeiro acto estará a cargo de Yolanda Díaz, terá lugar o día 5 de marzo en A Coruña e versará sobre a fenda salarial que sufrimos as mulleres. O segundo acto estará a cargo da nosa coordinadora nacional, Eva Solla, celebrarase o 13 de marzo en Ourense e tratará o tema da prostitución. A terceira charla, será impartida pola senadora de En Marea, Vanessa Angustia, tratará a idea de desmontar o amor romántico e será o día 22 de marzo en Compostela”, explica Raquel Bernárdez.

“Ademais dos actos principais, a finalidade das charlas que percorrerán as sete cidades galegas pasa por explicar e dar a coñecer a folga feminista, así como a importancia nos paros nos ámbitos laboral, de coidado (esfera doméstica), estudiantil e do consumo (insta ás mulleres a no consumir); nuns ámbitos que terán que asumir os homes”, sinala.

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, explica que as mulleres da organización queren aportar “o seu gran de arena” a esta folga xeral. “Estas charlas que temos programadas están enmarcadas nunha situación terrible de precariedade laboral, de fenda laboral que chega a un 22% en Galicia e a un 37% no que as pensións das mulleres se refire; é dicir, non queremos ser as mulleres as que perdamos na sociedade”.

“Non hai que esquecer tampouco a terrible situación na que están as mulleres vítimas de trata e prostitución. Por exemplo, esta semana vimos de defender unha moción en Lugo coa fin de instar a que o Concello se presentara como acusación popular na Operación Carioca para evitar a indefensión das mulleres e menores vítimas de trata. Desgraciadamente, os partidos maioritarios votaron en contra de que o Concello apróbase a defensa dos dereitos das mulleres”, sinalou.

En resumo, “entendemos que este 8M se enmarca nun contexto onde as mulleres vivimos unha situación de desigualdade obvia en canto salarios, acceso a dereitos básicos, ademais de sufrir unha discriminación importante en canto a custodia compartida se refire. Entendemos que o noso papel pasa por animar ás mulleres a que secunden esta folga do 8M, que sirve para visibilizar a situación na que estamos a vivir”, remata a coordinadora.

Relacionados