Eva Solla insta á Xunta a iniciar os trámites para devolver o servizo de chamadas de emerxencias de Galicia 112 ao público

A voceira de Sanidade de En Marea e vicepresidenta da Mesa do Parlamento, Eva Solla, insistiu hoxe no Pleno en que a Xunta “ten que sentarse coas traballadoras/es do 112, que seguen en pé de folga indefinida, para mellorar a súa situación”. Neste senso, Solla lembrou que o que comezou o pasado 15 de abril con protestas motivadas polo traslado forzoso do seu posto de traballo á Estrada, a uns 30 quilómetros de Santiago de Compostela, que segue sen un acordo entre o persoal e a administración, súmanse agora os problemas derivados do cambio forzado e improvisado do sistema de xestión de chamadas das emerxencias en Galicia 112.

Respecto ao novo sistema de xestión de chamadas da plataforma do 112, o persoal denunciou, nada máis comezar a usalo, “problemas graves tales como que se quedaba colgada na entrada das chamadas, o que condiciona a seguridade do servizo para a cidadanía”. “Por desgraza, todos estes erros, víronse confirmados nestes días, con terribles sucesos como os incendios ou o afundimento do pesqueiro Nuevo Marcos”, onde os problemas con esta Plataforma causaron un retraso de 10 minutos á hora de mobilizar o helicóptero de rescate Pesca-I.

Ademais destes problemas técnicos, para Esquerda Unida, a privatización do propio servizo 112 é un exemplo máis dunhas políticas do PP que antepoñen o lucro aos intereses das persoas e, neste caso, xogan coa vida da xente.

Dende Esquerda Unida denunciamos esta situación aberrante, xa que, por un lado, as persoas que traballan na Plataforma do 112 non recibiron a suficiente formación e, doutra banda, dende a empresa subcontratada sofren salarios de miseria, así como situacións de ansiedade e estrés que están a denunciar.

Por todos estes problemas, Eva Solla instou á Xunta a iniciar os trámites para devolver o servizo de chamadas de emerxencias de Galicia 112 ao público .

Ademais, dende Esquerda Unida, reiteramos o noso apoio ao persoal do 112 e a súa folga indefinida motivada por esta deslocalización.

Relacionados