Eva Solla: “Teñen que deixar de botar a culpa aos doentes dos colapsos en Urxencias e rematar cos recortes en Sanidade”

A voceira de Sanidade e deputada de En Marea, Eva Solla, vén de defender en Comisión, no Parlamento de Galicia, unha serie de propostas para paliar a terrible situación das Urxencias en Galicia. “Isto é un tema que xa está cronificado, que vimos de denunciar moitas veces, aínda que parece que xa é habitual, polo que merece un replanteamento global da nosa sanidade. Concretamente, o que se viviu en decembro foi tremendo”, recalcou.

Foi nese punto onde Eva Solla lembrou que Núñez Feijóo non tivo palabras, no seu discurso de comezo de ano, para lembrar que moitas galegas e galegos pasaron unhas datas de Noiteboa nun corredor de urxencias por mor dos recortes de persoal. É máis, como “broma de mal gusto”, invitaba aos doentes a “ir aos seus hospitais”. “Non hai dereito a que as persoas enfermas teñan que agardar tanto tempo para ser atendidas e, ademáis, que se bote a culpa aos propios doentes desta situación”, sinalou a deputada.

“A diminución de persoal, sobre todo en Atención Primaria, é a causa da saturación dos servizos. Semella que non hai interese para que a sanidade pública funcione ben”, expuso Eva Solla en Comisión. “Teñen que deixar de botar a culpa aos doentes dos colapsos e rematar cos recortes dos últimos anos en Sanidade. Ao final, as persoas enfermas e os profesionais pagan a mala xestión da Xunta”, sentenciou Eva Solla ao rematar a comparecencia.

Ver o vídeo dende aquí

 

Relacionados