A candidata de Galicia en Común-Anova Mareas, Eva Solla, reuniuse esta mañá coas representantes de Unicef, Myriam Garabito e Marta Andrade, de cara a escoitar as propostas que marcarán as liñas programáticas no marco das Eleccións Autonómicas de Galicia.
As representantes de Unicef recalcaron que “a infancia é unha prioridade de Estado e ten que esta en primeira liña, máis aínda cando un de cada cinco menores está en risco de pobreza”. Respecto á pobreza infantil, Eva Solla resaltou que “é preciso estudiar medidas transversais para reducir a pobreza. Concretamente, no eido de sanidade e nutrición, levamos propostas na anterior lexislatura”.
Na xuntanza, Eva Solla trasladou tamén as propostas nas que estamos a traballar no programa de cara ás Eleccións Galegas 2020, “medidas en relación á proliferación das casas de apostas e normas que regulen o acceso dos menores ás novas tecnoloxías”, dixo.
Respecto ás medidas máis urxentes, Solla sinalou que as representantes de Unicef reclamaron que “o Consello Galego da infancia, que comezou a funcionar fai unhas semanas, non ten carácter vinculante, aínda que a intención é que si o teña para que sexa capaz de valorar o impacto das medidas políticas na infancia e en materias importantes como a educación”.
As representantes de Unicef reclamaron 28 propostas políticas para Galicia, resaltando a necesidade de facer unha Lei Autonómica de Infancia e Adolescencia.