alfredo.jpg - 1.15 Kb

Exipto, e agora que?

 

 Efectivamente, se ben a rebelión popular forzou a caída de Mubarak -lembremos que o vicepresidente do Consello de Estado asumira nun comunicado lido o 13 de febreiro as aspiracións do pobo: pórlle fin ao estado de excepción, liberar os presos políticos, disolver o Parlamento e crear unha asemblea constituínte, garantir a liberdade de expresión e a creación de partidos e sindicatos, abolir os tribunais militares de excepción…-, o certo é que o Consello Supremo das Forzas Armadas tardou menos dunha semana en dar sinais de que se afastaba dos intereses lexítimos das clases populares.

Velaí está a loita de clases en acción. Dunha parte, a revolución esperanzadora: a voz do pobo que se manifestaba na praza Tahrir a prol da nacionalización das empresas do sector público vendidas durante o réxime de Mubarak, a formación de comités de traballadores que supervisen a produción e a distribución de prezos e salarios, a democratización da actividade económica e política e outras medidas democráticas. Doutra parte, a reacción contrarrevolucionaria: as clases dominantes, que buscan unha saída satisfactoria aos seus intereses da man dun exército que, se ben se alzou en representante do pobo, en apenas uns días advertiu que non se ían permitir máis protestas nas rúas debido a que alteran a economía do país, unha actitude polo demais coherente co seu pasado inmediato, pois non podemos esquecer que Mubarak se mantivo no poder durante 30 anos grazas a un xogo de alianzas entre o exército, a oligarquía exipcia e o apoio incondicional de Occidente.

Ora ben, quen pode, nestes momentos -se deixamos á marxe o grupo de magnates que se prestaron a dirixir a transición democrática en representación da sociedade civil-, erguerse en defensor dos intereses das clases dominantes pero gozar do apoio popular? Os Irmáns Musulmáns, un grupo que se manifestou en favor das clases dominantes en incontables ocasións, por exemplo canto se opuxeron ás vagas folguistas dos últimos anos e apoiaron os terratenentes fronte aos labregos expulsados das súas terras, e sempre se comportou como un fiel aliado de Occidente. Non obstante, fronte aos Irmáns Musulmáns, o certo é que no transcurso destes días históricos memorables, o pobo tomou conciencia da existencia de alternativas reais fronte á brutal crise exipcia, alternativas que xurdiron dun intenso proceso de reflexión que se está a trasladar das rúas ás fábricas -velaí está a vaga de folgas desta última semana-, e comprendeu o significado real da democracia: do poder do pobo, que pretende manter vivo fronte aos intereses das clases dominantes.

Os vindeiros días serán deci- sivos..

 

 

Relacionados