Fajardo: “Feijóo é o campión do paro no Estado e, unha vez máis, coloca a Galicia no podium da destrución do emprego”

O membro de dirección de Esquerda Unida e deputado de AGE, Juan Fajardo, valorou esta mañá datos de desemprego e a afiliación á Seguridade Social feitos públicos hoxe. Neste senso, o deputado apunta que “Feijóo é o campión do paro no Estado e, unha vez máis, coloca a Galicia no podium da destrución do emprego. Están tan ocupados en ocultar as súas corruptelas que esquecen atender a primeira necesidade do país, que é a creación de emprego”, subliña.

“Nun solo mes destrúen o 90% dos supostos postos de traballo creados en todo o 2015, o que demostra a súa baixa calidade, a volatilidade do mercado laboral que están a crear e a temporalidade como norma deste novo escenario”, explica.

O paro rexistrado chega ata as 7.639 persoas en Galicia, terceira comunidade onde máis se incrementa, chegando a ser a primeira no país. Para Fajardo “compre revitalizar o sector primario e industrial para xerar emprego estable e de calidade e, sobre todo, incrementar as horas de traballo, xa que este índice volta baixar. Así, traballamos menos horas, e traballa menos xente. Tamén existe un fomento do traballo non remunerado como método de explotación protexido polo goberno Feijóo”.

Dende Esquerda Unida destacamos que Galicia rexistrou no pasado mes de xaneiro 15.240 afiliados menos á Seguridade Social, un dato demoledor que demostra un reflexo claro do fracaso das políticas de emprego do Partido Popular que nos seguen a levar en senda descendente, mostrando un aciago futuro para a clase traballadora.

Ademáis, recordamos que a precariedade laboral cébase coas mulleres traballadoras, xa que moitas sofren sobreexplotación e, grazas ás políticas neoliberais do PP, cada vez están máis desprotexidas ante os abusos empresariais, o que dificulta acadar a igualdade laboral.

Relacionados