Fajardo: “Os datos da EPA demostran que o modelo Feijóo aniquila o emprego de calidade”

Esta mañá, o Instituto Galego de Estatística fixo pública a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do primeiro trimestre de 2016, uns datos que, para Juan Fajardo, membro de dirección de Esquerda Unida de deputado de AGE, “poñen sobre a mesa a incapacidade do modelo de goberno do señor Feijóo” á hora de garantir os dereitos da clase traballadora.

“Unha vez máis estamos á cabeza da destrución de emprego no conxunto do Estado. E esas espirais virtuosas de economía, que di Feijóo, o único que significan é que estamos na montaña rusa do emprego, onde crece ou decrece o emprego, pero non porque se cre emprego de calidade, senón porque se está troceando o mercado de traballo e, ese troceamento, fai que uns meses creza e outros baixe o emprego”, explica.

Segundo o deputado, “estamos ante a destrución dun modelo, a precarización e, sobre todo, un dato que é máis importante: crece moito máis o emprego destruído do que crece o desemprego, o que demostra que estamos a perder horas de traballo, produtividade e salario. Polo tanto, o señor Feijóo ten que tomar nota para mudar a súa posición en políticas de emprego e, tamén, para marcharse deste país”, remata.

Relacionados