Feijóo ofrece un pésimo debate do estado da nación propagandístico e sen autocrítica sobre unha Galicia irreal

Esta mañá o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, pronunciou un propagandístico discurso do estado da nación, sen autocrítica ou análise da radiografía de Galicia real, e sen falar sobre o que supón para a cidadanía galega vivir as consecuencias das súas nefastas políticas.

Fronte a unha economía que “vai ben e en crecemento”, dende Esquerda Unida cremos que as súas políticas só camiñan a prol da cronificación do desemprego e da desigualdade social e económica, xa que seguen a perpetuar un modelo de emprego temporal baseado en contratos precarios.

Nestes últimos anos, a as galegas e galegos asistimos a un empobrecemento total da clase traballadora. A modalidade contractual precaria, de menos horas, temporal e inestable afecta ao 92% dos novos contratos, o que fai que se consolide a precariedade e se polarice á poboación, que non se recupera da crise, ampliando a desigualdade entre a cidadanía.

Os salarios que perciben as e os traballadores, en xeral, son decrecentes e escasos, ademais, un 15% de persoas que traballan na nosa comunidade son pobres. En referencia ao tipo de relación que se establece coa patronal, ascenden os falsos autónomos dentro dun contexto social no que máis de 700.000 persoas viven en risco de exclusión social.

Detrás dos datos de emprego vendidos como todo un éxito e bonanza económica, a suposta recuperación da que fala o PP non chega aos petos das galegas e dos galegos, e isto está reflectido no aumento dun 48% das execucións hipotecarias en Galicia, respecto ao mesmo trimestre do ano pasado.

A dura realidade da nosa comunidade é que a precariedade laboral e os salarios de miseria non permiten afrontar o pagamento das hipotecas. Aínda que para Feijóo isto non debe ser un problema, xa que esta mañá non falou de ningunha medida para acabar coa pobreza laboral, aínda que sobraron palabras para alabar a unha “Industria 4.0” que, na Galicia real que coñecemos, non vemos por ningures.

No discurso do presidente da Xunta de Galicia, problemas tan importantes como a violencia de xénero, —Galicia é a comunidade autónoma con maior número de feminicidios—, ou a sinistralidade laboral, —estamos á cabeza do Estado en sinistralidade laboral—, parecen non importar.

En canto a sanidade, Feijóo evitou mencionar a inminente supresión que tenta levar a cabo de catro áreas sanitarias (Monforte, O Barco, A Mariña e O Salnés), e que, de facerse, obrigaría aos doentes, na súa maioría de avanzada idade, a desprazarse a outros hospitais, restando dereitos e calidade de vida. Tamén defendeu tres novas residencias de maiores, entendemos que concertadas, cando as públicas, coma as de Ferrol, caen en anacos ou non hai un euro para o centro de día de Rianxo.

En materia de ensino, dixo Feijoó que Galicia ten “a educación máis inclusiva”, aínda que máis ben é todo o contrario. A LOMCE segue en pé e, con ela, algúns dos seus aspectos máis polémicos. O último que vimos de coñecer é que a Xunta blindou o financiamento público a colexios que segregan por sexo ata o ano 2023. Entre eles, figuran 58 aulas de cinco colexios que separan a nenos e nenas, catro deles vinculados ao Opus Dei.

Ademáis destes problemas, Feijóo falou da melloría dos prezos do leite cunha destrución do 11% das explotacións dende 2015.  Respecto ao tema das infraestructuras é bochornoso que a promesa sexa o AVE, unha vez máis, ante a ausencia de tren de cercanías e a supresión de horarios e servizos en moitos traxectos. O presidente tivo cero palabras para Angrois, a Memoria Histórica ou a non acollida de persoas refuxiadas. Tamén e vergoñento que presuma dun Plan de loita contra os desafiuzamentos, que non ten parque de vivenda pública cando os desafiuzamentos se incremenatron en Galicia no ano pasado.

Por último, dende Esquerda Unida lamentamos que, en vez de propor algunha medida real para a Galicia que coñecemos, o presidente falara durante boa parte da mañá da situación de Cataluña, obviando cuestións fundamentais para o noso país.

Relacionados