Homenaxe a José Couso

Esquerda Unida na homenaxe a José Couso: once anos despois, a erradicación da xustiza universal.

O 8 de abril de 2003 un tanque M1 Abrams norteamericano, nunha ofensiva organizada contra o lugar no que se aloxaban xornalistas de múltiples nacionalidades, abriu fogo contra a planta décimo quinta do Hotel Palestine de Bagdad. Un xornalista ucraíno da axencia Reuters e o noso veciño José Couso perderon a vida nese ataque.

Once anos despois, o Partido Popular antepón os intereses comerciais á Xustiza con maiúsculas e, para evitar confrontacións financeiras directas con potenciais inversores no noso país, dita leis específicas para satisfacer ás castas políticas do Imperio, renunciando á reparación das vítimas dos crimes de guerra e consentindo a impunidade dos que só teñen un nome: asasinos.

O 14 de marzo deste mesmo ano, o Boletín Oficial do Estado, plasmou esta ignominia: a reforma do artigo 23.4 da Lei Orgánica do Poder Xudicial baleira de fato a xustiza universal, reforma que se recoñece polo goberno como unha medida para evitar molestias a países amigos. Só a determinación dalgúns xuíces, como o Xuíz Pedraz, decidido a continuar coa instrución do caso Couso, a reivindicación popular e a apelación a Tratados Internacionais como a Convención de Xenebra, poden poñer límite a esta indigna e vergoñenta actuación.

O vindeiro día 5, ás doce da mañá, na Praza da Paz-José Couso, no barrio de Esteiro, Esquerda Unida organizará unha sentida homenaxe ao noso veciño, no undécimo cabodano do seu pasamento, homenaxe tinguida de indignación ante a utilización das leis como instrumentos de dilapidación das esperanzas das familias, que procuran o que toda sociedade igualitaria merece: reparación e xustiza.

O Consello Político Local fai un chamamento a toda a cidadanía a participar neste sinxelo acto e render tributo ao que foi o noso veciño, vítima dun mundo onde a guerra nunca debería ter lugar.

Relacionados