Imputacións Xunta de Goberno

En xuño manifestáramos que era unha barbaridade, nova mostra da decrepitude ética do PP, que aprobaran que as concelleiras e concelleiros, imputados por presuntos delitos de corrupción política, poidan acollerse a que sexan as veciñas e veciños cos seus impostos as que paguen a súa defensa. Hoxe ademais dunha barbaridade a xustiza acredita que pode ser ilegal, ao imputar a sete concelleiros e concelleiras da Xunta de Goberno que aprobaron esta medida

É nauseabundo o fedor a corrupción, clientelismo e outras miserias que emana da execrable xestión do Partido Popular. É inadmisible que as veciñas e veciños teñan que padecer ao nefasto equipo de goberno de Currás carente de moral. É prexudicial para a mesma democracia que o PP siga a goberna nesta cidade.

Por suposto respectamos a presunción de inocencia dos concelleiros e concelleiras imputados, que a día de hoxe moitos, pero moitos son, pero por hixiene democrática, por respecto á cidadanía, por espírito democrático, esiximos a dimisión de todos os cargos públicos imputados.

O Consello Comarcal de EU Compostela critica as verbas da incompetente María Pardo que, carente da mínima decencia, xustifica estas novas imputacións dicindo que se deben a unha persecución política. É imposible tolerar semellante burla á cidadanía, non hai persecución política o que hai, por desgraza, neste Concello é un goberno do Partido Popular carente de lexitimidade para gobernar.

Por último reiteramos a nosa demanda ao señor Feijoo de que abandone o seu escudo de que “o que pasa en Santiago non é normal”, leve a cabo as medidas necesarias para permitir a gobernabilidade da cidade, algo imposible co Alcalde Currás e as súas concelleiras e concelleiros, polo que ten que procurar un novo equipo de goberno que demostre capacidade para rexer a cidade, senón que cumpra coa súa obriga e consiga o necesario adianto de eleccións municipais.

Relacionados