Incendios ou touradas?

A deputada Eva Solla, a partir dunha denuncia dos sindicatos policiais, acusa ao PP de preferir o espectáculo cruento cos animais que evitar o lume nos montes.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través da deputada Eva Solla, presentou unha pregunta escrita no Parlamento galego sobre unha denuncia das centrais UFP, SUP e CEP, sindicatos representativos da totalidade dos traballadores da Policía Nacional, na que se explicaba que parte do orzamento adicado pola Xunta de Galicia á unidade adscrita a tarefas de prevención de incendios remataba pagando o servizo de forzas de seguridade da feira taurina da Coruña.

De confirmarse esa acusación, estariamos diante dun feito extremadamente grave. A prevención de incendios é unha  tarefa de vital importancia no país. En lugar de asignar recursos económicos para evitar os lumes que cada ano asolagan Galicia, desvíanse fondos desta partida para pagar o soldo de policías durante tres días de touradas na Coruña. Para AGE resulta paradoxal que, mentres as touradas resultan maioritariamente rexeitadas pola cidadanía, colleitan pésimos datos de asistencia e indignan a moitas persoas –tal e como denuncia a plataforma Galaicia, mellor sen touradas-, a Xunta despraza cartos para pagar a seguridade deses festexos, tal e como denuncian os sindicatos.

“O incendio nas Fragas do Eume tería que facernos lembrar a importancia da prevención e da labor de disuasión e posteriores pesquisas dos axentes da Policía Autonómica, pero semella que para o Partido Popular é máis importante facer acto de presenza nun espectáculo cruento cos animais. Permitido por unha normativa inxusta, non o esquezamos”, salientou a deputada de Alternativa.

Relacionados