Incumprimentos Urbaser

 

O Grupo Municipal de Esquerda Unida  quere expresar o seu apoio as demandas das e dos traballadores de Urbaser en Ferrol diante das reiterados incumprimentos do convenio colectivo.  Incumprimentos e prepotencia caracterizan o mal quefacer da empresa en relación coa plantilla.

 

As reclamacións das e dos traballadores fan fincapé nas anomalías que supoñen a vulneración de artigos do convenio. Así a  empresa vulnera o artigo 8 do convenio colectivo, cando nomea un  capataz que non figura na relación de traballadores na empresa en Ferrol, constando no devandito artigo que a promoción para as prazas de superior categoría  farase  entre o persoal en activo no centro de traballo ao que se lle aplica este convenio, a saber, a plantilla adscrita ao servizo de limpeza pública, recollida e transporte de RSU do concello de Ferrol. O capataz nomeado pola empresa  está adscrito a salvamento marítimo, nunha flagrante vulneración do convenio colectivo.

 

Outra das actuacións inaceptables  forzadas pola empresa é o manter fóra da cidade os máis dos días á traballadora que leva a delegación de riscos laborais, que só vén  moi de cando en cando por Ferrol. Coa  moi grave problemática que arrastra o noso país en materia de sinistralidade laboral esta actuación semella inaceptable.

 

O mal quefacer da empresa tenta non deixar rastro no papel e desta maneira cando acceden a manter unha reunión coa representación sindical  e impoñen que non haxa acta.

 

Incumprimentos do convenio e malas prácticas ( caso de utilizar as instalacións de Ferrol para proceder a reparación de camións doutras localidades; ou a non garantía de confidencialidade nas nóminas, a causa de seren entregadas até hai pouco abertas ou agora sendo ensobradas sen garantirse a referida confidencialidade  ) conforman un penoso ronsel que denigra todos os días á empresa, que  vén protagonizando un continuum de ataques aos dereitos das e dos traballadores.

 

Esquerda Unida reclama do Goberno Municipal  que fagas as xestións oportunas conducentes a rematar con estas malas prácticas e ataques os dereitos das e dos traballadores. Primeiro mantendo unha reunión de urxencia coa representación sindical  e acto seguido  obrigando á empresa a ser escrupulosa no respecto ao convenio e aos dereitos das e dos traballadores de Urbaser  en Ferrol.

Relacionados