Infraestruturas viarias

O grupo municipal de Esquerda Unida lamenta profundamente a ineptitude máxima da que fai gala, xa sen disimulo, o goberno do PP en materia de mantemento de vías e reparación de infraestruturas. Un mes despois de que o concelleiro Carro saíra a fachendear de teren ordenado a actuación de mil cen intervencións en aglomerado (do que este grupo acaba de pedir información detallada e por escrito) durante o ano 2013 e do anuncio do incremento orzamentario e dotación dunha (segunda) cuadrilla para mantemento (suponse que por pésima planificación) o goberno é incapaz de facer fronte a unha máis que previsible situación de deterioro de infraestruturas de transporte por mor de temporais e cicloxéneses varias. Chove sobre mollado xa que o estado das marquesiñas para o transporte público xa era absolutamente lamentable no pasado inmediato e co paso das borrascas xa é calamitoso.

Hoxe o portavoz do grupo levou a pregunta sobre a previsión de gasto para a reparación de marquesiñas ,incidindo no perigo que significa que xente maior non as empregue e se refuxie en soportais e outros lugares adxacentes ás paradas de transporte, e non obtivo resposta na comisión correspondente. Na comisión non estaba o concelleiro de Obras e Servizos ocupado no transcurso da mañá en dar conta publicitaria do particular plan de barrios, aquel coello que sacou o señor Vilariño da chistera para disimular a desaparición dos órganos de participación  veciñal e orzamentos participativos, e en publicitar permanentemente gastos en mantemento e reparación que non se ven por ningures pero que ,como non, permítenlle ao señor Alcalde falar dunha terceira fase do plan de barrios, tan ficticia coma as dúas anteriores pero agora, sendo a terceira, sideral.

Javier Galán concelleiro de Esquerda Unida nas comisións de Facenda e Urbanismo  e voceiro do grupo municipal considera lamentable todo o que está a acontecer na cidade tanto no apartado de transporte público como no estado das rúas. “Aquí hai dúas cousas que hai que destacar: unha ,que xa vimos denunciando sen descanso e é o empeño do PP en externalizar servizos, drenando os recursos públicos, mesmo malvendendo patrimonio como onte nos anunciaron en comisión que vai acontecer cunha parcela pública do Boial, para engordar os negocios privados e aumentar o emprego precario e, dúas, e consecuencia do anterior, a alerxia que este goberno do PP ten a todo o relacionado co público, neste caso cos servizos públicos de transporte”.

Reiterar por último, e por enésima vez, o grave do escurantismo do goberno en materia de información e participación cidadá, particularmente nestes temas onde, por exemplo, a patética actuación do PP asignando o teléfono de atención á cidadanía para reparacións á xestión de Eulen, non fai máis que agochar a incapacidade para comprender as ventaxas dunha xestión con  participación da veciñanza a través dos seus órganos e consonte ao  regulamento.

Relacionados