Ferrol Inicio de campaña

 

O vello Cantón será o escenario elixido pola organización de esquerdas para dar comezo a unha campaña decisiva para encarar a loita contra a  crise e as agresións dos mercados capitalistas e a obsecuencia cómplice  dos gobernos de Madrid e Compostela.

 

Xosé María Dobarro, Paula Meizoso, Manuel Bustabad como candidatos ao Congreso e  Sari Alabau como a representante para o Senado lanzarán unha campaña marcada polo previsible crecemento da representación institucional e forza social de Esquerda Unida. Crecemento  de EU – Os Verdes que vai servir para construír un anovado polo de esquerdas, que alimente as dinámicas de converxencia social desenvolvidas nos últimos anos. Non valen as vellas fórmulas políticas e cómpre alimentar e propiciar a participación en estruturas novas da xente nova e crítica. Froito desa converxencia é o conxunto de acordos subscritos con diferentes entidades políticas, e da ampla incorporación de persoas independentes nas listas da formación de esquerdas.

 

Na proposta programática participaron  máis de 15.000 que xeraron  unha ampla e minuciosa elaboración  dun programa construído de xeito participado para a transformación social, que consta ao final de nove eixos temáticos.

 

Un amplo abano de propostas para a creación de emprego e outra fiscalidade progresiva marcan o primeiro paquete de medidas para conquerir un saída social e de esquerdas á crise. Un segundo elemento o constitúe a revolución democrática, cos novos mecanismos de democracia participativa. Un terceiro eixe son as medidas para o decrecemento sustentable  para desenvolver un novo e distinto modelo produtivo. Unhas políticas públicas de igualdade fundamentadas no feminismo marcan unha cuarta liña de acción. A defensa e extensión dos servizos públicos de calidade, universais e gratuítos conforman outro dos sinais identificativos dunha proposta política alternativa.  A soberanía alimentaria nun país de fondas raiceiras agrarias e nas que o sector primario segue tendo un papel clave no artellamento social e territorial do país supón outro chanzo da proposta de EU-Os Verdes. Unha cultura e comunicación ceibes das poutas das grandes corporación privadas que a rixen en réximen cuasimonopolístico vai ser un factor diferente no programa electoral da formación de esquerdas. A igualdade e solidariedade están no cerne das medidas para defender a integración das persoas migramntes ou do colectivo LGTB. Para rematar cunha firme política exterior baseada na cultura da paz e da cooperación.

 

En resumo, nove eixos para cambiar o porvir da maioría social traballadora do país, que necesita unha política de esquerdas para cambiar realmente a vida.

Relacionados